O SERGAS incorpora en Santiago o seu primeiro robot con navegación cinemática

21 Xullo 2026

O SERGAS incorporou formalmente este martes 21 de xullo o seu primeiro robot con navegación cinemática, que xa está plenamente operativo, e que realizará en Santiago de Compostela cirurxía de columna de alta complexidade. Os detalles desta tecnoloxía foron compartidos no CHUS polo conselleiro de Sanidade, Antonio Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.

Sinalaron que “este avance tecnolóxico sitúa o Servizo Galego de Saúde na vangarda da cirurxía de columna a nivel internacional e supón un paso máis na aposta da Xunta pola innovación e a mellora asistencial”.

O robot permitirá realizar 100 cirurxías ao ano e reducir ata en dúas horas as operacións complexas.

Tal e como detallou o conselleiro, trátase dun brazo robótico intelixente de última xeración que, incorporado á unidade de raquis, permite aos profesionais, altamente cualificados, realizar intervencións de columna con maior precisión, maior seguridade e cun enfoque minimamente invasivo.

O dispositivo, engadiron, “posibilitará tratar de forma integral patoloxías moi complexas, deformidades estruturais, tumores espiñais ou desaxustes vertebrais avanzados”.

Gómez Caamaño salientou que “grazas a unha tecnoloxía de seguimento que se adapta en tempo real aos movementos do paciente, o novo robot ofrece unha precisión total que redunda nunha maior seguridade, mellores resultados clínicos e unha recuperación máis rápida para as persoas operadas”.

Na súa visita ao Hospital Clínico, o conselleiro explicou que o robot multidisciplinar “xa demostrou a súa utilidade nas primeiras intervencións realizadas que concluíron con éxito e os pacientes evolucionan de xeito favorábel sen complicacións, o que confirma o enorme potencial desta ferramenta para abordar patoloxías complexas de columna vertebral”.

Estas intervencións son froito do traballo conxunto da unidade de raquis, que a conforman os servizo de neurocirurxía, cuxo xefe de servizo é Ángel Prieto, e o de traumatoloxía, que ten como responsábel a José Ramón Caeiro, coa colaboración dos servizos de anestesioloxía e reanimación e unidade de dor, medicina física e rehabilitación, reumatoloxía, radioloxía (xeral e especializada en imaxe do aparello locomotor) e neurofisioloxía, así como de unidades de apoio como enfermería (xeral de hospitalización e especializada cirúrxica), traballo social e informática.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.