O proxecto Amicos OnBoardin clausúrase cun acto no Aeroporto Rosalía de Castro de Santiago

02 Xullo 2026

O proxecto Amicos Inclusion: OnBoarding, impulsado pola entidade inclusiva da nosa comarca Amicos, chegou este mércores, 1 de xullo, ao seu fin cun acto de clausura celebrado no Centro de Control da Área Terminal de Santiago de Compostela, no aeroporto Rosalía de Castro. A iniciativa, impulsada con financiamento de Enaire, naceu co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas con discapacidade a través de itinerarios especializados orientados ás oportunidades laborais existentes nos aeroportos galegos.

No encontro participaron unha representación do alumnado beneficiario do programa, formada por dez das trinta e seis persoas participantes, acompañadas polo coordinador da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Keltoi Cameán; o técnico de orientación laboral Pablo Penide; e representantes de ENAIRE, entre eles o xefe do departamento de Operacións do TACC, Alfonso Romero, e o seu equipo; así como da controladora aérea da dependencia, Silvia Butler; da técnica da área de Recursos Humanos, Maribel Pérez; dos profesionais de ENAIRE Carlos Mata e Salvador Rebollido; e da xefa da División de Clientes e Responsabilidade Social Empresarial de Enaire, María López.

A xornada permitiu ás persoas asistentes coñecer espazos habitualmente restrinxidos ao público, como as instalacións operativas e a torre de control do aeroporto, achegándose ao funcionamento diario dunha infraestrutura estratéxica para Galicia. Como peche simbólico do proxecto, fíxose entrega dos
diplomas acreditativos ás persoas participantes en recoñecemento ao seu esforzo e evolución ao longo do itinerario.

Desde a súa posta en marcha en abril de 2025, Amicos OnBoarding desenvolveu un modelo de intervención centrado na persoa, adaptando o acompañamento ás capacidades, intereses e obxectivos profesionais de cada participante. O programa desenvolveu itinerarios personalizados de inserción laboral que combinaron orientación, formación especializada, intermediación co tecido empresarial e acompañamento tanto ás persoas participantes
como ás empresas durante todo o proceso de incorporación. Ademais, impartíronse accións formativas transversais e específicas sobre o ámbito aeroportuario e a atención ao público, adaptadas ás necesidades de cada persoa.

Uns resultados que superan amplamente os obxectivos previstos

Os resultados acadados durante o desenvolvemento da iniciativa superaron amplamente as previsións iniciais. O proxecto atendeu un total de 36 persoas, o que representa o 170 % do obxectivo establecido, e permitiu formar a 32 participantes, alcanzando o 261 % das previsións iniciais. Ao longo do programa realizáronse 171 horas de orientación laboral individualizada, complementadas por accións de formación, intermediación e acompañamento. Todo este traballo traduciuse en nove contratos de emprego, superando tamén o obxectivo inicial de sete contratacións previstas, todas elas na área de influencia do
aeroporto Rosalía de Castro.

O coordinador de Alianzas con Persoas e Empresas da entidade, Keltoi Cameán, destacou que “este proxecto demostra que a inclusión laboral tamén pasa por abrir espazos que tradicionalmente parecían afastados das persoas con discapacidade. Grazas ao apoio de Enaire puidemos demostrar que o talento non entende de barreiras e que, cando existen alianzas comprometidas, as oportunidades convértense en emprego e autonomía”.

Por parte de Enaire, María López puxo en valor os excelentes resultados e o bo desempeño de Amicos, destacando o labor de seguimento realizado entre ambas as partes ao longo do proxecto, que garantiu unha rendición de contas fiábel e transparente: “Grazas ás tres convocatorias de subvencións concedidas por Enaire, nos últimos sete anos contribuímos a facer realidade 34 proxectos de inserción de persoas con discapacidade en todo o territorio nacional, mellorando a empregabilidade de preto de 3.000 persoas con discapacidade e logrando a inserción laboral de 1.600 delas, un 17 % das cales no ámbito
aeronáutico. En días como hoxe, poder celebrar con elas estes resultados é o máis gratificante de todo este proceso” .

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...