“O poder pequeno”. Lois Alcayde Dans

03 Xullo 2026

Unha das cousas que máis me gusta ao subir á nosa casa é o gusto de recoñecer no camiño formas que sempre estiveron aí, pero que para min son novas. Sempre ten un que subir alá, veña de onde veña, pois é un pequeniño outeiro, destas alturas que din os xeógrafos que son montes a piques de morrer, onde un se asoma ao verde e amarelado do verán, nestes intres. É a nosa casa, pero para min é nova, pois é da persoa á que quero e está tan ben feita como o amor posto nela, así de ventás abertas, solaina morna e laranxa no outono e frescor no interior para deixar por riba das mesas escuras como o chocolate puro agasallos doces, vaixelas brancas e froitas da finca.

Recoñezo nesas cousas pequenas, nesas sorpresas, algo que me é moi próximo, pero que tamén ten a beleza para min desa eterna descuberta, pois nunca será tan familiar e tan próximo para min como o é para ela: é a importancia do lugar, da terra, do pequeno país que un constrúe onde un naceu e ten, terao sempre, as súas raíces. Algo diso pensaba relendo O pequeno é possível (Através, 2025), ensaio breve e delicioso do profesor e pensador Miguel Anxo Bastos Boubeta. Igual coñecen este nome porque este meu amigo ten, xaora, unha faciana pública ben sonora, moitas das veces fácil de transmitir en redes sociais e pílulas de embate audiovisual e discursivo algo cargadas de máis nas redes. Miguel Anxo, malia o torticeiro e inxusto do ollo público, é un home doce e escribe da política próxima e de todo o que nos fai persoas en tanto que está á nosa escala. Estar “á nosa escala” quere dicir que o podemos recoñecer, que ten nome e características materiais, que se escapa, en fin, ao Excel, á impersonalidade moderna e ao número baleiro de individualidade e alma que esgrime a estatística.

Un tema que me preocupa é precisamente este: o rexeitamento da escala cando falamos da actitude que tomar diante do chan —a propiedade—, do aire —a circulación de todos— e do sol —os estímulos—. Todo o que conforma, diría Otero, os camiños da vida que son a existencia e que, cando se arrexunta coa política, é mellor non tocar en exceso, non nos vaia romper nas mans. Quizais lles acabo de deixar unha definición que quero que sexa agradable da política, a que sempre vai vencellada a altas palabras que, tan metidos de cheo no verán caloroso, non considero dignas de mención: as palabras grandes son tan desagradables como a política ao grande.

A política, cando apela á verdade, debe apelar á sinxeleza e á abstención, non pode ser separada da beleza do mundo, do entender das cousas pequenas. É un discurso contracorrente, isto do pequeno, porque é doado caer na falacia dun mundo ben grande e ben universal que de especial non tería nada, pois todo sería tan baleiro como os símbolos da súa globalización: os enormes aeroportos que son todos o mesmo, o mobiliario urbano gris e minimalista, as grandes avenidas hoxe cubertas de cemento e a ruptura de todos os espazos —na cidade e no corazón— que implican mediación, travesía, cadencia. Esa alfaia tan civilizada dos matices, as escalas de cores e as medias verdades das que abrolla o humor ou a aceda crítica retranqueira, é todo o que vén incompleto, inconcluso, incongruente, barroco, ferido polo pecado orixinal e ben humano. É todo o que nos fai persoas.

A modernidade, nisto, roubounos a paciencia do que non pode ser inmediato, malia a ilusión tecnolóxica de que todo o é. No meu camiño, no local, no pequeno, eu son consciente de que non podo ascender á casa inmediatamente se non é dependendo de terceiros —persoas ou tecnoloxías— que me leven máis rápido. No ascenso ao noso fogar sírvome das miñas pernas e podo calcular a hora de saída tendo en conta o sol, a dureza da estrada e o calzado que vou levar ou incluso as persoas coas que quero —ou non— cruzarme polo camiño. De escoller o coche, un xesto ben común e normal, salvarei distancias e chegarei máis rápido á casa, pero xa estaría poñendo unha porta pechada a saber como vai a muller do veciño, co cal cruzaría a pé no camiño; a ver como vai a finca daquel, por se a ten a monte e, co perigo de incendios, temos que avisalo para que a limpe; ou, tamén, botaría eses dez minutos de camiñada en pensar como lles digo ás persoas da casa que as quero, que é unha tarefa ben importante e que damos por dita, sen dicila. Isto, dispensen o meu populismo, é algo que sucede a todas as escalas e chega no seu extremo ao día de hoxe, onde alguén dende un despacho dunha grande nación pode decidir como viven, consomen, tiran o lixo e falan ou se expresan os meus conveciños, aos cales non coñecen de nada.

Hoxe todo semella trazado e planificado nun mapa. Así o defenden políticos de esquerda e, tamén —e de xeito sorprendente!—, algúns daqueles colocados na dereita política que, á hora de planificar e querer decidir en exceso sobre a vida dos demais, son os primeiros en dicir si a que o seu sexa gobernado ben lonxe e cun plan quinquenal baixo o brazo. Sonlles desconfiado dos gobernos grandes e fortes que aplican medidas benpensantes nas distancias. Iso fornece unha cousa de moi mal gusto que é a tecnocracia e deshumaniza o cotián. Dende os telexornais da Guerra do Golfo nos anos noventa acostumámonos aos mortos da pantalla e nin sequera nos indignan como deberían as violencias das nosas cidades nos últimos cinco anos.

Por todo isto que lles conto prestoume a lectura do libro de don Miguel, porque apela ao pequeno, ao coñecible, ao que se ve. Non é cousa pouco importante esta. Acostumámonos, quizais hai un século, a que as palabras, as accións, as verdades da vida e do amor e de todo o que importa fosen recibidas por transmisión, por espellos, e non polo tacto ou polo que ten que ver co material —don Álvaro Cunqueiro dicía que unha noticia, para ser crida ou tomada en consideración, tiña que ter polo menos 300 anos de antigüidade; así o creo eu tamén para a política—.

Bastos toca no seu libro algo ben importante, que é o papel dos mediadores e a transmisión dese poder político.Se ben un cidadán de hai dous séculos era incapaz, nunha posición de poder, de intervir dende Madrid sobre cando un acende e apaga as lámpadas da súa casa, hoxe este cidadán con poder si pode. Grazas á inmediatez tecnolóxica, o gobernante, de non ser polos refreos da tradición da propiedade privada e da intimidade —todo iso que damos por asentado que ten que ver coa moral pública—, xa tería acceso ben xustificado na lei ad hoc e na “seguridade”  para recalibrar e recontar todos os datos de cada un. Síntolles ser un chisco desapiadado: os refreos caerán, e seguramente poderá coñecer o lexislador non só cando acendemos as lámpadas, saímos ao camiño, usamos gasóleo, gasolina ou electricidade no coche ou canto chocolate de importación ou barateiro mercamos, senón tamén canto CO₂ se emitiu para chegar á nosa boca. Se non é que xa o fai.

É diabólico ese control, é alleo á natureza humana e corresponde tamén a unha política da verdade e do ben común dificultar o acceso do poder, ese animal famento, a estes camiños privados da vida. Hai sobre isto unha pequena anécdota que lle pasou ao rei Luís XIV de Francia, un home que se puxo o lema de “Sol”, xa saben. Un xeito material de facelo foi, contaba o escritor Pierre Gaxotte, a través dos camiños radiais. O rei quería que a rede de camiños partise do centro da Francia política, de París; xa ven que os revolucionarios de 1789 non inventaron moito. A cousa é, conta o historiador, que o poderosísimo rei non puido, pois estaba atado por aquilo que o grande Álvaro D´Ors chamaba a traditio, a tradición: todos os tratados, pactos e concesións que a Coroa de Francia tiña para con feudos, pequenas e grandes propiedades, súbditos, ordes relixiosas… e non podía tocar case nada das súas partes sen ter revolta na casa. O rei, de querer trazar unha inxusta liña recta, tivo que conformarse con facer os seus camiños da vida retortos, revirados, difíciles para un grande exército —no fondo, como todo o poder que aspira non á comunidade senón ao seu mantemento eterno, o que procuraba era levar rápido os fusís a calquera esquina do reino—.

Foi esa tradición da que falaba don Álvaro, esa traditio, indo á acepción da vella Roma, o “levar algo a alguén”, a cousa boa pactada no pasado que refreou o cambio malo que se decidiu no presente. É dicir, o que alguén, neste caso alguén xa morto, deixou para o futuro nun pacto que ata os que veñen despois deben respectar. A chave esencial da boa política é coñecer o que xa está aí tendo en conta os que foron e os que van ser; diso lles falei algo nun artigo anterior. Son certos contrapesos do pequeno que, sumados ao costume, esa grande ferramenta, retorcen e invalidan a política dominadora e a fan máis mansa, máis respectuosa das liberdades e do espírito natural das xentes que son gobernadas, máis parecida aos camiños que existen e non a aqueles que arrasan con todo impoñendo un criterio egoísta. Lamentablemente, o acceso ás cousas da tecnoloxía, amén de enriquecernos no coñecemento, tamén nos fixo máis próximos á man do tirano. Hoxe un presidente do Goberno, en incontables asuntos, pode intervir máis na nosa vida ca un rei absoluto e non hai contraforo que llo impida máis alá do que reforme a propia política.

O poder, canto máis lonxano, máis descoñecerá, como descoñecía eu até chegar a este camiño, as vicisitudes do seu percorrido, a realidade do seu chan, de se aquel se chama Manuel, Servando ou Miguel, de se aquela se chama María, Matilde ou Nerea. Alguén que viva non xa a 5000 quilómetros, senón a 20, é moi pouco probable que coñeza esta realidade tanto; e iso que aquí xogamos con vantaxe: en Galicia un non pode ter vida privada, pois os elos marabillosos da cousa interpersoal, aquela que fai todo máis próximo pero tamén máis transparente nas conversas e díxomedíxomes, facilita que se es profesor e tes praza en Lugo sempre haxa alguén no claustro que lembre cando case afogas nadando en Samil.

Lois Alcayde Dans.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.