
Supoño que, como lle ocorre a moita xente, cando abro o meu álbum familiar máis vello, as fotos en branco e negro teñen de paisaxe tanto o campo como a cidade. Ambos aparecen coa normalidade do mesmo paso do tempo. Nas imaxes, o escenario de fondo faise difícil de distinguir do de calquera outra rexión afectada pola segunda revolución industrial, sexa A Coruña, Barcelona, Nantes, Ferrol, Manchester ou Vigo. No meu caso, agás as da nosa arcadia familiar en Curtis, cerne de nós na casa matriz, conservo fotos nas que os meus devanceiros aparecen entre edificios do XIX ou xa, máis tarde, do desenvolvemento de posguerra; parques; portos cheos de guindastres; fotografías tiradas mentres paseaban endomingados; coches e moita vida urbana, tamén feliz.
Tiven avós urbanitas por traballo e tamén por certo desfrute. O campo, no noso álbum, existe no gume do ollar dende o mando dun Seat, na ollada tamén desde a moto e na caloriña da chaqueta de motorista do meu avó, que lle daba un aire de luxo ao aparello. As fotos en Curtis son tamén de lecer, de comidas ao aire libre e reunións de irmáns fortes e mulleres fortes aí no corazón con vidas co seu amor, traballo e toda a paixón que nos move. A vida cotiá e laboral, xa nos anos cincuenta e sesenta, ocorría, iso si, xa noutra parte, e a casa matriz quedaba para os veráns, para a pintura e para escapar da máquina moderna.
Aquela Galicia e aquela España andaban a medio camiño entre os sombreiros fedora e a psicodelia sesenteira, entre a arquitectura de repoboación de Alejandro de la Sota e o enxeño atlántico e brutalista, tan propio dos sesenta, de Fernández-Albalat e o seu edificio para Cerámicas do Castro, en Sargadelos. Era aquela Galicia con voz de Pucho Boedo, vestidos floreados, panos negros, tabaco algo máis caro ca o de liar, casas como churros e aínda moito por facer para substituír no agro o arado romano pola nova maquinaria.
Quen lles escribe anda estes días fascinado cun tipo de contido nas redes sociais. Un afonda no ser “galego” das redes comúns e non é difícil atopar, ademais das típicas fotos aéreas da Torre de Hércules ou de Praia América, fotografías antigas co verniz exótico de Ruth Matilda Anderson (cada ano hai exposición dela) e o costumismo dunha novela de folletín publicada por entregas na Voz de Galicia decimonónica. É estraño, porque, se un indaga nos perfís que as publican, descobre que pertencen maiormente a xente que vive nas cidades, tampouco son historiadores ou profundos etnógrafos.
Este tipo de contas constitúen, iso si, un marabilloso museo etnográfico. Algunhas delas están en castelán; outras, en galego, e traballan cun xeito de imaxinaría e de relato no que a sinfonía de imaxes é recorrente e a súa percusión é, case sempre, a mesma: señoras maiores con pano negro e enrugas de saudade, útiles agrarios, vellos arados romanos, leiras a seren traballadas, mulleres dormentes debaixo dos chourizos afumados, pensamentos afumados de xente queimada polo sol e polo traballo na terra, roupas abertas polo roce, non precisamente amatorio, e vellos e vellas producindo licor. Sempre hai vellos e vellas, malia que a sociedade galega daqueles anos, a comezos do século XX, fose moi nova, cunha mortalidade infantil máis controlada, pero aínda cunha esperanza de vida escasa. Era aquela a sociedade moza que fornecía os buques da emigración.
Insisto: é estraño o que está ocorrendo na imaxe que queremos construir de nós mesmos, porque nese imaxinario que fan relucir estes usuarios non aparece unha imaxe do campo como lugar de vida, progreso económico, riqueza ou celebración. Xa nin falamos das imaxes dunha fidalguía desfrutona e festeira, homologable á francesa ou á centroeuropea, nin sequera próxima á “normalidade” de calquera país occidental de comezos do século pasado.
Galicia é, nas fotografías das que lles falo, algo triste, lastimeiro, ensimesmado, case desconectado da vida; algo tan impersoal e humilde como as elexías laicas dedicadas a leiteiras, ferreiros e gandeiros que poboan co seu ferro as nosas alamedas vilegas que tan de moda estiveron dos anos 20 aos anos 80. Hai nesas fotografías «balbinas» heroes ou vencidos, moitas veces sen nome nin apelidos que coñezamos, e o seu relato convértese, a miúdo, na sempiterna trama da novela supervendas ou do dramón televisivo que, en Galicia, só nos deixa a imaxe da criada servindo á señora, o conto da pobre, pobre e da rica, rica. Un lugar que hoxe observamos nunha pantalla xigante, Full HD, con conexión sen fíos, pizza precociñada e quentada no forno ou comida repartida a domicilio a través dunha aplicación.
O imaxinario que construímos ten moito peso sobre o futuro que queremos percorrer. Aí temos a mesma responsabilidade común que exercemos ao homenaxear os oficios e costumes “tradicionais” nas alamedas e nos parques dos que lles falaba antes. A tradición, lembraba o pensador Álvaro d’Ors, vén do latín traditio, que significa “entrega”. O que se nos entrega e o que entregamos implica unha gran responsabilidade. O problema, para quen lles escribe, non vén tanto de lembrar e homenaxear as xentes que soportaron o peso do actual beneficio e do progreso de todos, o cal está moi ben, senón de empregar ese imaxinario como unha meta en si mesma que nos faga incapaces de contar historias non só nas cidades, senón tamén nun agro como o de hoxe: actualizado, con empresas punteiras, persoas conectadas á vida e ás noticias e un xeito —que oxalá estivese máis estendido— de observar o paso do tempo e conservar a proximidade coa vida, que non deixa de ser a proximidade coa terra.
Cometemos un erro cando, levados por unha imaxe deliberadamente regresiva, esquecemos que o campo non é o campo de onte e que, como ben apunta Teresa Táboas, recentemente escollida secretaria xeral da Unión Internacional de Arquitectos, a diferenza entre campo e cidade non é nin debe ser unha fronteira, senón unha continuidade, algo normal dun país normal.
Nos anos noventa, a miña neonata xeración creceu nas clases de galego ao abeiro de textos de autores daquela novidosos, que nos falaban do rock bravú e da mestura entre cidade e campo: a boina podía ser punk; a cousa brava e rompedora da música podía falar dos neóns da festa da vila e dos mozos que consomen droga na cidade ou que, polo menos, teñen esa cousa tan humana e tan difícil de conciliar: a familia, a terra e o traballo cos Excel.
Era a Galicia do rivasiano millón de vacas ao carón do Faro herculino, ese xeito normalizado de convivir coa contemporaneidade cun pé na memoria activa e, ao mesmo tempo, gozar do kitsch máxico e case cunqueiriano que implica vivir neste magnífico país vello con alma nova.
Porén, o contido que estiven a curiosear estes días nas redes non falaba de nada diso. Non consiste tanto en coller ese pasado labrego para adaptalo ao mundo de hoxe, senón en coller o pasado e disocialo do presente, como se falásemos dunha “arcadia balbina” perdida, dunha mágoa ou dun laio, quizais dunha saudade case eterna; de Galicia como un non-lugar que xa foi, un reino perdido.
Como se este país, ademais de ser un lugar afastado da vida normal, fose un lugar pasado, de costas a unha parte dese pasado que tamén existiu e que conta cun rosario de vitorias. É un sistema fácil, porque xunta a nostalxia co autoodio e desemboca naquela cousa tan curiosa que sempre me comenta un amigo cando lles pide aos seus alumnos que lle expliquen que significa para eles “Galicia”.
Sempre lle falan deste sitio como de algo estranxeiro, alleo, dun mundo melancólico e pobre que está máis alá do cartel riscado da Coruña, Vigo ou Santiago. Hai un “mundo normal” e cotián e, logo, está “Galicia”. Galicia, para estas e estes nenos, corre o perigo de ser só unha arcadia afastada da actualidade, dos amores que vén nos contidos audiovisuais que consomen, das redes sociais, das grandes avenidas e dos xeados modernos baixo os edificios románticos dos cotizados barrios do centro da súa cidade. O máis revolucionario, en fin, era sermos un sitio normal. Ten o seu aquel provocador dicir isto, e quizais sexa unha das épicas cotiás máis subestimadas da historia.




