O Noia Harp Fest arranca este mércores 29 a súa 13ª edición, que contará coa estrela da kora Sona Jobarteh, o virtuosismo da escocesa Maeve Gilchrist e o jazz de Park Stickney

28 Xullo 2026
Sona Jobarteh


Este mércores, 29 de xullo, comeza a 13ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest), o único evento cultural do noroeste peninsular dedicado de xeito absoluto a este instrumento.

Ata o sábado 1 de agosto, a vila acollerá dez concertos -nove deles de acceso libre e gratuíto- que forman parte dunha programación que destaca, en palabras da organización, “pola calidade artística, polo seu espírito innovador, pola recuperación patrimonial e por un forte protagonismo feminino de proxección internacional”.

Sona Jobarteh, Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e a viguesa Beatriz Martínez lideran un cartel no que tamén conviven a Real Filharmonía de Galicia, Park Stickney ou mesmo o estudantado galego do instrumento, como participantes do V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia.

O festival dará comezo mañá ás 20:30 horas no Teatro Coliseo Noela coa xornada inaugural e o concerto da Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de César Marcos. O gran atractivo da xornada será a estrea mundial de Alén do azul, obra do compositor coruñés Teo Montero Rey (A Coruña, 2005) gañadora da IV convocatoria do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli. A interpretación contará co destacado arpista José Antonio Domené como solista.

Ademais da estrea a RFG tamén interpretará obras de Pietro Mascagni, Edvard Grieg, Mario Castelnuovo-Tedesco e Arnold Schoenberg. As entradas para este concerto, o único de pago do NHF, están á venda en www.ataquilla.com. 

A segunda xornada arrancará o xoves 30 pola mañá no Liceo de Noia co V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia. Un total de 22 estudantes de entre 8 e 18 anos (procedentes de Mayeusis de Vigo, Conservatorio de Torroso en Mos, e as Escolas Municipais de Música de Santiago e ETRAD de Vigo) reuniranse nunha xornada de convivencia no que ofrecerán un concerto aberto e gratuíto desde as 13:00 horas e que culminará coa interpretación conxunta dunha peza dirixida pola prestixiosa arpista escocesa Maeve Gilchrist.

Domené e a Real Filharmonía de Galicia

Pola noite, o Teatro Coliseo Noela acollerá unha sesión dobre. Primeiro, Maeve Gilchrist ofrecerá un concerto mostrando a súa vangardista fusión de folclore tradicional, jazz e técnicas percusivas. A continuación, estrearase un proxecto inédito e exclusivo producido polo festival: o encontro entre a arpista Beatriz Martínez e a artista sonora e DJ Acacia Ojea, nunha experiencia que explora as marxes entre a música de raíz, a performance e a electrónica.

A xornada do venres 31 repartirase en varios espazos emblemáticos. Ás 12:00 h, a Igrexa de Santa María A Nova) será o escenario do concerto da irlandesa Siobhán Armstrong, gran figura mundial da arpa gaélica antiga encordada en metal, que interpretará obras históricas cunha réplica do instrumento do século XVII.

En horario vespertino, o Teatro Coliseo Noela acollerá unha dobre sesión de música ao vivo. Primeiro, subirá ao escenario a Banda do NHF xunto a Su Garrido Pombo. A agrupación residente do festival interpretará a obra da cantautora galega xunto a dez arpas e arranxos escritos expresamente para a ocasión por Rodrigo Romaní.

De seguido, o estadounidense Park Stickney pechará a noite xunto ao seu trío ‘Gustaf, Frederick & Isabel’ (co saxo tenor de Araxi Karnusian e o baixo de Björn Meyer). Stickney, referente mundial da arpa electroacústica e a técnica de pedais, ofrecerá unha viaxe imaxinaria polo jazz e a improvisación contemporánea.

 Finalmente, o sábado 1 de agosto o NHF porá o ramo á 13ª edición con propostas de enorme valor patrimonial e artístico. Manuel Vilas e Entrebescant ofrecerán na Igrexa de San Francisco un concerto histórico utilizando en exclusiva as sete réplicas dos instrumentos medievais esculpidos no século XV na Arquivolta de San Martiño de Noia (arpas, rabel, violas e salterios), froito do proxecto de investigación do festival e do Concello.

Neleta Ortiz

Pola súa banda, a arpista Neleta Ortiz e o violonchelista Thomas Piel (en colaboración con AEDA) presentarán en primicia e en exclusiva, no Claustro de San Francisco, a recuperación dunha obra inédita para arpa e chelo do prestixioso compositor italiano Enrico Mainardi. Estes dous concertos contan coa colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA).

O festival despedirase pola noite e ao aire libre no escenario máis amplo e emblemático do evento, a praza do Tapal, coa actuación de Sona Jobarteh. A artista gambiano-británica, primeira muller solista de kora procedente dunha dinastía de griots e doutora honoris causa por Berklee, pechará a 13ª edición cun potente directo de afropop, tradición mandinga e activismo cultural.

Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.

Programación completa do Noia Harp Fest

29.07, Teatro Coliseo Noela | Real Filharmonía de Galicia e José Antonio Domené. Estrea de ‘Alén do azul’, gañadora do Premio Portus Apostoli 2025 *
30.07, Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia
30.07, Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist
30.07, Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea *
31.07, Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong
31.07, Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo *
31.07, Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio
01.08, Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant
01.08, Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz *
01.08, Praza do Tapal | Sona Jobarteh

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.