O CIM-UVigo alíase coas confrarías para crear unha ferramenta dixital que mellore a supervivencia do ourizo

23 Xullo 2026

O CIM-UVigo alíase coas confrarías para crear unha ferramenta dixital que mellora a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar. O autor principal do estudo é o investigador do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo Haritz Ayarza, que deseñou o primeiro índice integral de sustentabilidade para avaliar a pesqueira artesanal da dita especie na costa galega.

Esta ferramenta, xerada mediante un proceso de co-creación con pescadores e confrarías, permite identificar riscos ecolóxicos, sociais, económicos e de gobernanza que afectan ao futuro deste recurso, que se atopa actualmente en situación crítica.

O desenvolvemento do índice forma parte do proxecto SOST-Erizo, promovido polo programa Redemar da Xunta de Galicia, que fomenta a colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos galegos para compartir coñecementos, identificar necesidades e buscar solucións conxuntas aos retos do sector.

O grupo de investigación lembra que “a pesqueira do ourizo de mar é unha das máis importantes do litoral galego, pero tamén unha das máis vulnerábeis”, xa que, como explica Haritz Ayarza, “atravesa un momento crítico, con sinais claros de sobreexplotación e unha gran dependencia económica do recurso”.

Por este motivo, o investigador do CIM (centro que forma parte da Rede CIGUS) considera que “existía unha clara necesidade de contar con ferramentas específicas que permitisen avaliar a súa sustentabilidade de forma integrada. O noso obxectivo era cubrir este baleiro, promover novas formas de colaboración entre pescadores, científicos e administración e ofrecer un instrumento adaptado á realidade galega que apoiase a toma de decisións e anticipase riscos”.

Xunto con Ayarza, asinan o estudo Elena Ojea, Julia Ameneiro e Juan Bueno-Pardo, do Future Oceans Lab, xunto con Iratxe Rubio e Elena Fontán, de Mareira Bizi Sociedade Cooperativa Galega e Pedro Cuíñas, do Centro de Investigacións Mariñas, CIMA.

O índice desenvolveuse mediante un proceso participativo con dúas confrarías, unha do norte e outra do sur de Galicia, a través de catro obradoiros de traballo. Os pescadores actuaron como socios do proxecto e participaron activamente na selección, definición e validación dos 19 indicadores que compoñen a ferramenta.

Durante o proceso, o sector achegou o seu coñecemento ecolóxico local, revisou a proposta científica inicial e contribuíu a orientar as decisións metodolóxicas. Ademais, os participantes probaron os resultados mediante unha aplicación dixital interactiva. “Os pescadores non só achegaron información, senón que orientaron as decisións metodolóxicas e axudaron a garantir que o índice reflectise fielmente a realidade do día a día da pesqueira”, subliña Haritz Ayarza.

O índice permite avaliar de forma integrada a situación dunha pesqueira artesanal e priorizar accións de mellora. O seu deseño dixital e participativo facilita o seu uso na revisión de plans de explotación, na monitoraxe de cambios ecolóxicos e socioeconómicos, na identificación de tensións internas ou desigualdades emerxentes, así como no fomento do diálogo entre administración, sector e comunidade científica.

O grupo de investigadores sinala que “a ferramenta é facilmente adaptábel a outras pesqueiras artesanais de Galicia e a territorios con características similares”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.