O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira emitiu un comunicado no que esixe ao equipo do Concello que “asuma responsabilidades políticas despois de que unha nova sentenza xudicial obrigue á Administración local a destinar máis de 104.000 euros de diñeiro público para afrontar as consecuencias dunha contratación irregular mantida durante máis de trece anos”.

O BNG engade no seu comunicado que a resolución do Xulgado do Social nº 1 de Santiago de Compostela débese ao feito de que “unha traballadora municipal prestase servizos entre os anos 1991 e 2004 como falsa autónoma, desenvolvendo funcións estruturais para o Concello sen estar dada de alta na Seguridade Social nin cotizar como correspondía; e como consecuencia desta actuación irregular, será agora a veciñanza de Ribeira quen teña que asumir o custo económico”.
O exalcalde portavoz municipal do BNG, Luís Pérez Barral, xunto o responsábel local Rafa Pazos e a concelleira Cruz Rivadulla, consideran que esta situación “non pode despacharse como un simple erro administrativo” e engaden que “estamos diante dunha actuación irregular prolongada durante máis de trece anos que agora supón perder máis de cen mil euros de recursos públicos. Hai persoas que participaron naquela forma de gobernar e que aínda hoxe continúan ocupando cargos de representación pública, polo que o mínimo esixible é que dean explicacións e asuman as súas responsabilidades políticas”.
O BNG di tamén que “eses máis de 104.000 euros poderían destinarse a necesidades prioritarias do municipio como ampliar redes de saneamento, mellorar o abastecemento de auga, pavimentar rúas ou reforzar servizos públicos nas parroquias”.
“Cada euro que se emprega para pagar as consecuencias das irregularidades do PP é un euro que deixa de investirse na mellora da calidade de vida da veciñanza”, sinalou Pérez Barral.
Os nacionalistas din tamén que “este caso súmase ás posibles responsabilidades económicas derivadas da concesión de dúas licenzas ilegais para a gasolineira de Xarás, unha actuación que podería supoñer unha reclamación de ata catro millóns de euros para as arcas municipais”. Ademais, denuncian que “a decisión do Partido Popular de abandonar o proxecto da residencia pública de maiores previsto nas Saíñas para trasladalo a San Roque significaría deixar sen utilidade máis de 800.000 euros xa investidos na adquisición da parcela, o derrubo da antiga discoteca e a redacción do proxecto”.
Desde o Bloque Nacionalista Galego consideran que “a veciñanza merece explicacións sobre unha situación que continúa hipotecando os recursos municipais décadas despois e que se pretende despachar como un erro administrativo”.
—




