O BNG denuncia novo recorte nas cotas de bocarte e esixe ao Goberno negociar con Portugal un reparto xusto

31 Xullo 2026

A senadora do BNG, Carme da Silva Méndez, denuncia o novo recorte das cotas de bocarte (anchoa) asignadas á frota galega de cerco e reclamar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que renegocie co Goberno portugués un acordo “xusto e equilibrado” que deixe de prexudicar sistematicamente o sector pesqueiro galego.

A resolución publicada no BOE o pasado 29 de xuño confirma “un novo golpe para unha frota que leva anos sufrindo recortes continuados nas principais especies comerciais”. Fixa para a campaña comprendida entre o 1 de xullo de 2026 e o 30 de xuño de 2027 unha cota de apenas 1.632 toneladas para a frota do Cantábrico e Noroeste, que deberán repartirse entre 210 embarcacións, das cales 130 pertencen á frota galega de cerco.

Segundo explica a formación nacionalista, esta drástica redución é consecuencia directa do acordo bilateral entre o Estado español e Portugal para o reparto das posibilidades de pesca na zona IXa, un acordo que “ano tras ano agrava o desequilibrio en favor da frota portuguesa e en detrimento da galega”.

Da Silva Méndez, neste sentido, lembra que a cota total de bocarte na zona reduciuse 29%, ao pasar de 22.871 a 16.322 toneladas, mentres Portugal continúa concentrando a maior parte das posibilidades de captura. “Resulta inaceptábel que Galiza, que concentra a maior frota de cerco do Estado, sexa sempre a gran prexudicada nas negociacións internacionais impulsadas polo Ministerio” denuncia.

A senadora nacionalista advirte que esta situación non constitúe un feito illado, senón que reproduce o mesmo esquema que xa padecen outras especies fundamentais para o sector. “Xa acontece coa sardiña, coa xarda e agora tamén co bocarte. O Ministerio acepta sistematicamente acordos que deixan á frota galega cunha parte claramente insuficiente das cotas dispoñíbeis” critica.

O BNG recorta que no caso da sardiña Portugal recibe 66,5% da cota, frente a 33,5% asignado ao Estado español, unha distribución que ademais volve prexudicar á frota galega cando se realiza o reparto interno das capturas entre os distintos caladoiros.

A representante nacionalista sinala ademais que esta política de recortes continuados compromete seriamente o futuro do sector. “Se non hai ingresos suficientes, non hai estabilidade laboral nin posibilidades de incorporar xente nova á actividade pesqueira. O Ministerio non pode seguir falando de relevo xeracional mentres acepta acordos que fan cada vez menos atractiva e máis incerta a profesión” advirte.

“O Goberno debe deixar de asumir como inevitábeis acordos que sempre rematan castigando á nosa frota. Galiza merece unha defensa firme dos seus intereses pesqueiros e un reparto das cotas que responda á realidade do noso sector, que é o máis importante do Estado na modalidade de cerco” conclúe Carme da Silva.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.