
Este sábado 25 de xullo, ás 20.30 horas, o Museo do Mar de Muros será o escenario da presentación da novela Campos de memoria, do escritor Fran J. Lestón.
O acto estará dirixido pola concelleira de Cultura do Concello de Muros, Caridad González Cerviño, e contará coas intervencións de Socorro Leis París e Juan Caamaño Cebreiro, quen acompañará ao autor nunha conversa sobre unha obra que convida a reflexionar sobre a memoria, as raíces familiares e o legado que recibimos de quen nos precedeu.
A presentación ofrecerá aos asistentes a oportunidade de coñecer de primeira man o proceso de creación da novela, compartir impresións co autor e participar nun encontro aberto ao redor da literatura e a memoria.
A entrada é libre ata completar o aforo.
A cita será un intre especial para o autor, de fondo significado, por celebrarse precisamente en Muros, “onde comezou todo”. Segundo relata Francisco, “en 2013 regresei a Muros para presentar a miña primeira novela, La eternidad en 231 días, e aquel día comezou unha aventura literaria que nunca imaxinei que me levaría a publicar seis libros e a percorrer un camiño cheo de historias, emocións e aprendizaxes”.
Catorce anos despois Francisco volve ao mesmo lugar para presentar unha novela que precisamente fala da memoria, das raíces, dos vínculos familiares e da importancia de non esquecer aquilo que nos construíu.
“Regresar ao meu pobo, ao mesmo escenario onde comezou todo, converte este momento nun reencontro moi especial”, sinala, engadindo que “durante estes anos tentei construír unha obra centrada nas emocións, na esperanza, na procura de sentido e na condición humana; desde La eternidad en 231 días, pasando por Camino a Veisal, Resorte, Fragilidad, e cada novela foi unha maneira de explorar aquilo que nos define como persoas: as nosas feridas, os nosos soños, as nosas decisións e as historias que compartimos con quen nos rodea”.
Campos de Memoria nace precisamente desa mirada. Fran relata que estamos ante “unha novela que xorde do desexo de conservar esas pequenas historias familiares que poucas veces aparecen nos grandes libros de historia, pero que forman parte esencial da nosa identidade e da nosa memoria colectiva. Historias de persoas anónimas, de lugares, de ausencias e de lembranzas que merecen seguir vivas”.
E engade: “Para min, volver a Muros despois de tantos anos tamén ten un significado persoal. Durante moito tempo pensei que avanzar era afastarse, pero co paso do tempo comprendín que volver non significa regresar ao pasado, senón reencontrarse con todo aquilo que nos axudou a ser quen somos. Esta nova novela fala de perdas, cambios, distancias e do paso do tempo, pero tamén fala da necesidade de volver ao esencial. Porque algunhas historias non rematan cando un marcha; ás veces simplemente esperan o momento adecuado para volver”.
O autor relata deste xeito os porqués da súa paixón creativa: “Escribo porque creo na literatura como unha forma de conversa. Cada libro deixa de pertencer ao autor cando alguén o abre e atopa nas súas páxinas algo propio, unha emoción, un recordo ou unha reflexión que conecta coa súa propia vida”.
Datos do acto
Presentación da novela: Campos de Memoria
Autor: Fran J. Lestón
Presentador do acto: Don Juan Caamaño Cebreiro
Data: 25 de xullo de 2026
Hora: 20:30 horas
Lugar: Museo do Mar de Muros
Entrada libre ata completar aforo
Sinopse e temática
A obra xorde do medo ao silencio e ao esquecemento que supón a morte das persoas maiores. A través da voz de unha avoa nada en 1922, o relato reconstrúe a vida e a capacidade de resistencia de toda unha xeración.
Trátase dunha homenaxe á transmisión familiar, á dignidade silenciosa e á necesidade colectiva de lembrar as nosas raíces.




