“MUGART, o museo do múltiplo”. Xosé Antonio López Silva

07 Xullo 2026

Por definición, un museo é o templo do único. Acudimos a el coa idea de contemplar a peza irrepetible, o orixinal que non existe en ningún outro lugar do mundo. Hai, xa que logo, un fermoso paradoxo no feito de que o MUGART, o Museo do Gravado, sito en Artes -Ribeira-, estea consagrado ao contrario, a esas obras que veñen ao mundo impresas en ducias ou centos de exemplares, porque un gravado é unha obra orixinal concibida para multiplicarse. Por iso resulta a máis democrática das artes; tamén unha das máis accesibles, tamén a que ten chegado máis lonxe. E, entre nós, esa condición nunca foi cousa menor. Nun país historicamente orfo de institucións, sen grandes aparatos políticos nin mecenados que sostivesen as artes pictóricas e visuais, a obra sinxela e barata, concibida para multiplicarse, foi un vehículo natural de reflexión artística e identidade política. Galicia viaxou moito máis en gravados de papel plasmados en estampas de taller, en follas de prensa ou en publicacións que corrían de man en man ca nos grandes lenzos nobiliarios e rexios.

Ninguén ten encarnado isto mellor que Castelao. O seu xenio traballou coa potencia do cadro único, pero tamén, e sobre todo, coa da arte reproducible. Álbumes como Cousas da vida, Galiza mártir ou Milicianos son estampas feitas para circular, e circularon de verdade. A arte máis barata foi, entre nós, a máis capaz de dicir o que non se podía nin debía silenciarse.

O gravado nace, pois, democrático, pero o tempo e o mercado aristocratízano. Hoxe, unha estampa de Durero, por exemplo, resulta inalcanzable para case calquera. O que se fixo para moitos remata sendo patrimonio de moi poucos. Un museo, en cambio, fai unha operación que compensa esta tendencia elitista, a de devolver ao común o que quita o mercado, mais como ollada, non como posesión. A porta, como xa o advertira Bourdieu, ábrese para todos; mais para gozar de verdade do quehai dentro cómpre unha chave —a do capital cultural, a educación— que non se reparte por igual.

O pasado día 2 o Museo do Gravado festexou vinte e cinco anos de vida. Celebrouse cun acto institucional e, asemade, coa inauguración dunha interesante mostra: os gravados que Xaime Quessada concibiu na serie Imaxe surreal de Galicia: unha historia do país contada a través do medio popular da estampa, á maneira tan persoal do autor ourensán. Para expoñela procedeuse a restaurar e entintar corenta e nove planchas. Na mesma sala, pois, conviven os gravados expostos, reimpresos, cunha caixa de dezaseis exemplares numerados para bibliófilos. Democratización e aristocratización, o mesmo día e baixo o mesmo teito: a dialéctica enteira da arte actual resumida nunha soa mostra.

Que todo este proxecto museístico, de prestixio internacional, comezase coa teima privada dun coleccionista, Javier Expósito Paradela, avogado de Noia que mercou a súa primeira estampa nunha libraría de Bruxelas, é a proba de que unha paixón particular pode, ás veces, virar en ben común para os cidadáns. Sucede pouco, e por iso mesmo merece recoñecerse cando acontece.

Velaí, pois, o que celebra o MUGART: non un tesouro pechado nunha vitrina, senón un xeito de entender unha expresión artística que sempre foi algo profundamente noso, o da obra que se multiplica para chegar a todos. O museo do único acaba sendo, en Artes —nomen omen—, o museo do múltiplo. Que siga a selo, e que a chave para entrar nel se reparta algún día con máis formación cidadá e menos desigualdade. Esa xa é outra tarefa.

Outros artigos

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Derechos”. Roberto Carlos Mirás

“Derechos”. Roberto Carlos Mirás

Dentro de unos días todos los españoles tendrán la oportunidad de cambiar de Gobierno y que éste sea mucho mejor que el anterior. El Gobierno de Pedro Sánchez ha estado rodeado de múltiples investigaciones tanto a nivel personal como el de un presidente que prometió...

“Rairiz de Veiga” – Xosé González Martínez

“Rairiz de Veiga” – Xosé González Martínez

O próximo día 25, despois da misa dominical, ás 11.30 horas, celebrarase na parroquia de Rairiz de Veiga, do homónimo concello ourensán da Limia, un acto promovido pola Asociación de Funcionarios-as para a Normalización Lingüística encadrado na iniciativa En galego,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.