Este sábado 25, Día de Galicia e de Santiago Apóstolo, a inestabilidade irase desprazando cara ao interior, deixando un día de nubes matinais que darán paso ao sol e a un ambiente máis fresco no litoral e na capital galega.
A xornada arrincará con ceos anubrados e algunha brétema ocasional, sen descartar algún orballo feble e illado nas primeiras horas da mañá, máis probable na contorna compostelá e nas zonas máis elevadas. Con todo, a situación mellorará a un ritmo constante: a partir do mediodía as nubes iranse abrindo para deixar paso a amplos claros, sen risco de treboadas.Os chuvascos de tarde quedarán recluídos principalmente nas provincias de Lugo e Ourense.
Termómetros contidos e vento forte nas Rías Baixas
As temperaturas sen cambios entre 24 a 28 graos, deixando un ambiente fresco e agradábel.
A verdadeira novidade do día virá pola man do vento. Aínda que pola mañá soprará frouxo de compoñente norte, pola tarde gañará intensidade ata soprar moderado en todo o litoral das Rías Baixas. Este “nortada” acentuará a sensación de frescura na costa e deixará o mar algo máis picado co paso das horas. O vento soprará de compoñente norte, frouxo pola mañá, moderado pola tarde con intervalos fortes nas Rías Baixas.
Resumo da xornada:
- Rías Baixas: Mañá de nubes baixas que darán paso ao sol pola tarde. Vento do norte moderado con refachos fortes a partir do mediodía.
- Santiago e comarca: Posibilidade de orballo matinal illado, seguido de apertura de claros. Temperaturas nun lixeiro descenso.

O noso mar: Vento do norte á mañá, do noroeste á tarde e do norte á noite, forza 1 a 2 á mañá, 5 a 6 á tarde e 3 a 5 á noite. Mar rizado á mañá e forte marusía á tarde e á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1 metros.



