Juan Caballero (texto e imaxes). Este sábado 4 de xullo larga amarras desde os pantaláns do Club Náutico Deportivo de Ribeira a XV edición da Regata CONGALSA – Volta a Sálvora, con máis dunha vintena de barcos na auga que xa confirmaron a súa participación.

Non será un día doado no meteorolóxico, cunha xornada de moita calor e suaves ventolinas que terán o seu eixo no noroeste, con pouca intensidade na saída, que será ao 14.00 h.
O Comité elaborou dous percorridos, aplicados en función do vento dominante e das condicións de mar, tendo en conta que a frota navegará en dous planos diferentes: un de interior, pola ría de Arousa; e o exterior, con máis ondada, por detrás da Illa de Sálvora.
O primeiro deles, con saída desde as inmediacións de Ribeira, a Illa de Rúa por estribor, Sinal de Castro por estribor, Sinal de Sargo por babor e unha baliza de posición que delimitará os baixos nas proximidades de Sálvora, xa que a regata tense que desenvolver con seguridade, para acometer Sálvora por babor e chegada nas inmediacións do porto deportivo do Club de Ribeira.
O segundo percorrido é moi similar ao primeiro, só que Sálvora navegarase no sentido de sur a norte.
A frota será dividida nas categorías naturais do ORC, como son Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro.
Entre os veleiros máis destacados figuran un amplo elenco dos que xa gañaron nestas últimas semanas as regatas celebradas na contorna da comarca, como poden ser o Peperetes-Nortemar, de José Manuel Millán, do Real Club de Regatas de Galicia; o poderoso Corsario Thunder, de Jorge Durán, do Club de Iates de Vilagarcía; o Orión, de Javier Pérez, do Monte Real Club de Iates de Baiona; o Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, do Club Náutico Arousa Norte; o Ziralla Primeiro, de Ramón Barreiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo; A Píllara, de José Manuel Ben, e o Arousa VI, de José Luis Torres Colomer, ambos do Náutico de Ribeira; o Mauritania, de Ángel Romasanta, do Arousa Norte; ou o Piko Norte, de José Manuel Castro, do Club Náutico de Boiro, entre outros.
Os vencedores da edición do pasado ano foron Peperetes-Nortemar, Mauritania e Arousa VI.
A entrega de premios, ao 18.00 h. Colaboran na seguridade da regata Cruz Vermella, Protección Civil e Salvamento Marítimo.



