Efectivamente, os homes non son todos iguais, as mulleres tampouco e os lectores deste xornal,
afortunadamente, tamén teñen cada un de vostedes o seu pensamento, a súa interpretación do
acontecido e a súa visión sobre a proximidade do horizonte, aínda que saben (e sabemos) que o
horizonte non se pode agarrar coas mans. Esváese ou escápase entre os dedos e vai parar ao lonxe,
onde non chega a imaxinación.
Os reformatorios, os campos de concentración ou de refuxiados, os centros de trata de persoas ou
de traballos forzados, os cárceres e as casas ou lugares de prostitución, atacan á dignidade da xente
e fan de menos aos que menos posibilidades teñen de librarse das situacións degradantes. Aqueles
que perseguen unha sociedade xusta, deben procurar espazos con garantías de respecto á liberdade
e á dignidade de cada persoa.
Ramiro, da casa da Fonteseca, foi correndo ao concello e, do concello, ao edificio dos Servizos Sociais
da contorna. Alí mandárono ir á Deputación e ao chegar, xa coa porta nos fociños, o porteiro
indicoulle, con voz serena, aínda que autoritaria, que “non perda o tempo, consulte o horario en
internet e, se lle vén ao caso, volva mañá”.
-Mañá! Mañá… Outra vez co “volva mañá”. Ramiro non era capaz de asimilar tanto despropósito.
Internet! Volva mañá! Cita previa e aviso ao teléfono! De quen serán estas ideas avanzadas que nos
deixan sempre na estacada?
E alá foi, mañá, pola mañanciña, cando a porta aínda estaba cerrada. O mesmo porteiro de onte
chegou co tempo xusto, pero antes de abrir, ou xa coa porta entreaberta, mirou para o home e
díxolle que non era naquel edificio, que tiña que ir a outro lugar e solicitar unha residencia, “a
vostede correspóndelle unha das máis dignas e máis baratas”.
Ramiro retornou para a súa casa. Polo camiño ía falando só: “a miña dignidade lévame de volta para
onde teño as ovellas e o cadelo”. El e os seus sabían que se falamos dunha persoa ou dun pobo con
dignidade estamos referíndonos a unha persoa ou a un pobo respectables e coa integridade dos
grandes seres humanos e dos seus grandes pobos, dispostos a manterse ergueitos contra das
inxustizas e das indignidades propias dos nugalláns, egoístas e hedonistas. A Tía Manuela, como José
Saramago, asevera que “a dignidade non ten prezo”.
O Festivalo de Manselle encherá Dodro de música, gastronomía e cultura o vindeiro 26 de setembro
A cita, consolidada na comarca do Sar baixo o lema «Resistencia e alegría», contará con actuacións como as de Paco Nogueiras, SECHO ou Ceibarrimas, ademais de degustacións e regueifas. A aldea de Manselle, no municipio de Dodro, volverá ser o epicentro cultural da...



