O programa Cultura Dispersa 2026 continúa no mes de agosto achegando a música e o lecer ás parroquias de Rois. Despois do inicio da programación o pasado 16 de maio en Costa e das actuacións de xuño e xullo en Buxán, Herbogo e Ribasar, o Concello mantén a súa aposta por descentralizar a oferta cultural e acompañar as celebracións festivas das distintas parroquias con propostas pensadas para todos os públicos.

Ao longo do vindeiro mes celebraranse seis novas citas que percorrerán diferentes puntos do municipio con actuacións musicais e actividades familiares.
A programación comezará o domingo 2 de agosto en Augasantas, coa actuación de Os Jaitas Blue. Continuará o venres 7 de agosto na parroquia de Rois, onde actuará Os Retranqueiros de Ames.
O martes 11 de agosto, Seira acollerá a actuación do grupo Xoldra, mentres que o sábado 15 de agosto será a quenda de Urdilde, coa actuación de Os Viqueiras de Ordes.
A programación seguirá o luns 17 de agosto en Oín, cunha xornada especialmente pensada para a cativada que contará con inchables, e rematará o domingo 30 de agosto en Leroño, coa actuación do dúo musical Eva e Camilo.
O programa continuará tamén durante o mes de setembro con dúas últimas citas: o 6 de setembro en Ermedelo, coa actuación da OCT Chorima, e o 20 de setembro en Sorribas, onde a mesma formación porá o peche á edición deste ano.
Con esta programación, o Concello de Rois continúa dinamizando o verán nas distintas parroquias, ofrecendo propostas que complementan as celebracións festivas e favorecen espazos de encontro e convivencia entre a veciñanza. O programa desenvólvese coa colaboración das comisións de festas, da rede asociativa do municipio e da Área de Cultura da Deputación da Coruña.




