Castelao e Pérez Placer xa poden lerse en xaponés da man de Takekazu Asaka e co apoio da Secretaría da Lingua

07 Xullo 2026

Alfonso D. Rodríguez Castelao e Heraclio Pérez Placer xa se poden ler en xaponés, grazas ás edicións bilingües galego-xaponés dadas ao prelo polo profesor e tradutor Takekazu Asaka, o popular embaixador da lingua e cultura galegas no Xapón que ano tras ano engrosa a nómina de autores e autoras da literatura galega traducidos ao idioma nipón.

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou canda Asaka (Takiño, en Galicia) na rolda de prensa de presentación, na que lle agradeceu ao profesor e tradutor “as dúas novas contribucións á proxección exterior da literatura escrita en galego, que seguen fortalecendo a ponte que desde hai 40 anos comunica a terra do Sol Nacente con Galicia, grazas á rigorosidade e xenerosidade de Takekazu Asaka”.

Canda eles, participaron na presentación, celebrada no Pazo de San Roque, o profesor, investigador e crítico literario Armando Requeixo e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, autores dos limiares das obras, e Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro e académico da Real Academia Galega.

Asaka dá ao prelo Castelao. Pequena escolma(2026), como homenaxe a Castelao con motivo do 75º aniversario do seu pasamento, cunha selección representativa da obra do rianxeiro na que se inclúen o discurso Alba de Gloria, o relato Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, varias narracións de Cousas e outras prosas de Castelao publicadas na prensa, así como un texto sobre como se grafa “Castelao” a partir do texto Ó saír de Madrid deprendín que o meu nome escríbese así en xaponés, incluído en Diario 1921. O limiar, da autoría de Miguel Anxo Seixas, aborda a reflexión sobre “Castelao e a arte xaponesa”.

Por outra banda, Asaka verte ao xaponés en edición bilingüe galego-xaponés Cantares premeados no certame D’Ourense(1887), unha obra poética escrita polo autor ourensán do Heraclio Pérez Placer (1866–1926). Trátase dunha colección de cantares tradicionais que o autor presentou no Certame Literario de Ourense en 1887, obtendo un accésit. O limiar, no que se inclúen a biografía do autor e anotacións sobre a obra, é de Armando Requeixo.

Ambas as dúas saen do prelo da man da Editorial Guinga Xobou (Edicións Vía Láctea), en Toquio, e contan co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor xubilado de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega. Nos anos 90 participou como alumno nos cursos de verán para persoas de fóra de Galicia organizados pola Real Academia Galega. e, desde entón, visita Galicia cada verán. No ano 2024 a RAG nomeouno académico correspondente da lingua galega.

Como ensaísta e investigador, publicou volumes referenciais para a aprendizaxe do galego en Xapón. E como tradutor de figuras senlleiras da literatura galega ao idioma nipón deu ao prelo as versións xaponesas dos seis poemas galegos de García Lorca (1993); Cantares gallegos (2002 e 2009), Follas novas (2018) e Contos da miña terra (2014), de Rosalía de Castro; Os Eidos de Uxío Novoneyra (2017); Canzón da alma. Cantata a Ramón Cabanillas (2013), A rosa de cen follas (2019) e Samos (2025) de Ramón Cabanillas; o seu Xograr Martín Codax (2015); Tres xograres da ría de Vigo (2024); Convite para as Cantigas de Santa María (2023) ou Obra escolleita de Álvaro Cunqueiro (2025).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.