Aguiño homenaxeará á Virxe do Carme do 10 ao 16 de xullo

05 Xullo 2026

As festas continúan no municipio de Ribeira e a parroquia de Aguiño será a próxima en mergullarse no ambiente festivo do 10 ao 16 de xullo, sendo o último día festivo local neste 2026.

O cartel destaca pola variedade e cantidade de propostas para tódolos públicos con forte protagonismo da música como deron a coñecer o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes; o presidente da comisión de festas, Julio Abraldes, e Teruca Sampedro, Manolo Romano e José Luis Paz, integrantes da entidade.

O edil destacou o papel das comisións de festas “por dinamizar as nosas parroquias. Fan un gran traballo e un claro exemplo témolo en Aguiño coa programación que presentan”.

A orquestra Finisterre e Planet Discomóvil con DJ Manu GZ marcarán o inicio da axenda no día 10 amenizando a noite, con pregón sorpresa ás 00.00 horas. O ritmo do día 11 virá da man de Javi Maneiro, Monoulious Dop e Orquestra Platinum. A xornada do 12 estará protagonizada pola gran sardiñada popular ao mediodía e sesión vermú co Dúo Keima, ademais da actuación de América de Vigo.

O 13 e 14 serán os días do neno con prezos populares, mentres que o día 15 contará coa charla co teólogo local Andrés Torres Queiruga, ás 19.00 horas, para seguir co partido de solteiros contra casados, ás 20.00 horas, e verbena con Orquestra La Fórmula e DJ Kike Varela e DJ Jalaiko.

A xornada grande será o 16 de xullo, Día da Virxe do Carme e festivo local, coa misa solemne, ás 11.30 horas, e procesión marítima, arredor das 12.00 horas. Haberá novamente un catamarán de 370 prazas e a comisión de festas anunciará en vindeiras datas a forma de facerse cos tíckets de acceso. Ademais, as embarcacións que desexen participar na comitiva deberán anotarse previamente na confraría. A ofrenda floral efectuarase á altura da Forcadiña. Ás 13.00 horas haberá sesión vermú con Open Drink no porto e Tania Veiras porá o toque musical da noite na que se fará a tirada dos fogos de artificio, ás 00.00 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.