
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, o ribeirán José Antonio Pérez Sieira, asinaron este mércores 29 de xullo, na sede da entidade en Ames, dous convenios de colaboración polos que a Xunta destina un total de 152.000 euros para reforzar as capacidades técnicas da organización.
A maior parte dos fondos, 125.000 euros, teñen como obxectivo apoiar o funcionamento e a operativa diaria da federación para garantir o desenvolvemento dos seus servizos e representación. Pola súa banda, a contía restante, destínase a impulsar investimentos para mellorar a competitividade, a formación, o fomento e a promoción das confrarías.
A través deste programa executaranse actuacións de climatización e eficiencia enerxética da sede, equipamentos para mellorar a conectividade, así como actualización da páxina web e formación no uso de intelixencia artificial aplicada.
Esta colaboración forma parte do apoio continuado que a Consellería do Mar vén prestando á entidade representativa do sector pesqueiro galego, sumando un investimento acumulado de preto dun millón de euros no período 2020-2026.
Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña
No mesmo eido, a titular de Mar e o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, Daniel Formoso, asinaron outros dous convenios polos que a Xunta destina un total de 141.000 euros para apoiar a actividade deste colectivo a favor do sector pesqueiro coruñés ao longo do ano 2026.
Ademais do apoio ao funcionamento diario da federación, entre as actuacións previstas está adquirir un novo equipamento administrativo e informático, material técnico para o seguimento ambiental e apoio científico-técnico e sufragar actividades de formación.
A Consellería do Mar vén apoiando á entidade representativa do sector pesqueiro coruñés, sumando un investimento acumulado de 872.000 euros no período 2020-2026.





