“A sesta de Breogán”.Lois Alcayde Dans

27 Xullo 2026

Un dos mitos máis recorrentes sobre Galicia é que somos un país tranquilo, recuberto pola sesta de Breogán. Esa imaxe aparece tanto no relato que proxectamos de nós mesmos como na maneira en que nos representamos na televisión, na prensa ou na crítica cultural. O humor político esmorece, a retranca desaparece das páxinas dos xornais e o conflito é evacuado dos espazos nos que unha sociedade (que loucura!) debería discutir consigo mesma.

Porén, a ausencia visible de conflito non significa necesariamente que exista un consenso. Ás veces significa apenas que o desacordo permanece soterradoe iso sucede cando hai moita xente que se atopa cómoda niso. Como nunha serie de David Lynch, baixo o filtro rosa e a aparente normalidade circulan correntes máis escuras e inquedas. Galicia non se pon de acordo sobre a súa propia película do 25 de xullo: nin sobre quen a dirixe, nin sobre os planos, nin sequera sobre as cores da bandeira que aparece en pantalla.

Descoñezo se somos realmente un país tranquilo. O que si parece evidente é que empregamos esa suposta tranquilidade como unha escusa cómoda para non afrontar algunhas cuestións pendentes. Nos pobos atravesados por conflitos duradeiros, a evitación da discusión pode producir unha aparencia de convivencia que, en realidade, é apenas cohabitación. Compartimos o territorio, mais non sempre os símbolos, os ritos nin o relato común. Paréceme, polo menos, preocupante para os anos que van vir.

O 25 de xullo é probablemente a expresión máis visible desa falta de consenso. Non se trata só dunha disputa política, ligada ao cotián, senón dunha dificultade máis profunda para construír o institucional, aquilo que debería perdurar por riba dos gobernos e dos partidos. O himno, a bandeira, a festa e mesmo os ritos colectivos continúan sometidos a interpretacións incompatibles. Non damos atopado a chave de bóveda que permita recoñecelos como patrimonio común.

Nesa cohabitación conviven dúas posicións aparentemente opostas. Dunha banda están os de Laíño, satisfeitos coa idea de que Galicia é un país tranquilo e de que cadaquén pode celebrar a festa na súa propia leira. Doutra, os de Lestrove, convencidos de que todo o demais é unha representación falsa e de que o país verdadeiro reside unicamente na bandeira que levan eles. E a hiostoria vostedes xa a coñecen de sobra, uns renuncian á construción dun espazo común; os outros identifícano por completo coa súa propia causa.

A situación é preocupante porque Galicia continúa sen contar con actos populares capaces de reunir capas distintas da sociedade. As celebracións existentes, máis ou menos concorridas, adoitan aparecer vencelladas a consignas, programas ou identidades partidarias. Cada espazo fala para os seus de xeito estupendo e reforza a súa propia comunidade, pero poucos crean unha ágora na que persoas diferentes poidan recoñecerse, discrepar e continuar falando, esa cousa tan a coidar pasando a testemuña da historia dunhas mans a outras.

Non se trata de eliminar o conflito, xa que ningunha sociedade viva carece del. Trátase de construír os lugares, os símbolos e os ritos nos que ese conflito poida expresarse sen converter o adversario nun inimigo. Sen esa base común, a conversación pública corre o risco de reducirse ao insulto, á caricatura ou á incomunicación.

Algo semellante sucede cos actos relixiosos. Se estes non son capaces de incorporar a mocidade e de transmitir o seu sentido máis alá da rutina, acabarán desaparecendo. E a súa desaparición non deixaría só un oco no calendario, senón tamén un baleiro de memoria, beleza e pertenza. Os ritos non sobreviven por inercia: precisan ser comprendidos, compartidos e renovados.

Un pobo cuxos actos colectivos dependen sempre dun signo político está condenado a unha guerra civil dialóxica interminable.Esa tensión, abofé,pode resultar moi rendible para a comunicación política, sempre necesitada de conflito, dramatización e identidade… pero temos que ser claros, é pouco útil no xogo longo que practican os pobos que saben durar. Eses pobos, inda no trauma da sociedade líquida que ameaza o relativismo posmoderno, manteñen un pé no pasado e outro no futuro. A cabeza, porén, sitúana nese lugar máis difícil onde se imaxina o que puido ser e o que aínda poderá ser. Quizais nese espazo exista tamén algo de misterio e de maxia, aquilo que alimenta o espírito colectivo e permite que unha comunidade se recoñeza sen necesidade de pensar exactamente o mesmo.

Lois Alcayde Dans

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.