Deporte, solidariedade e lecer daranse cita este domingo 12 de xullo na Pobra do Caramiñal coa celebración da XXXIV Festa da Bici Solidaria, organizada pola Concellería de Deportes.
A praza Alcalde Segundo Durán será o punto de saída e chegada da actividade, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 14.00 horas. As inscricións abriranse ás 10.15 horas e, para participar, será preciso achegar un quilo de alimentos non perecedoiros, que se destinarán a entidades locais de Cáritas. A saída dos percorridos está prevista para as 11.15 horas.

Para o alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, “esta iniciativa é unha oportunidade para desfrutar do deporte en familia e, ao mesmo tempo, colaborar cunha causa solidaria. É unha actividade pensada para todas as idades que fomenta hábitos saudables e a participación da veciñanza”.
Con capacidade para un máximo de 350 participantes, a xornada ofrecerá dous percorridos adaptados ás diferentes idades. O primeiro, de 1,6 quilómetros, está destinado a menores de oito anos e ás persoas que precisen acompañamento. Unha vez rematado este itinerario, dará comezo o percorrido de 9,5 quilómetros, dirixido a maiores de oito anos e con paso por distintos puntos do municipio.
Xunto aos percorridos, a programación inclúe unha xincana de habilidade e destreza sobre bicicleta para a cativada, na que o monitorado axudará aos máis pequenos a desenvolver as súas habilidades sobre dúas rodas. Haberá tamén un inchable e realizarase o sorteo dunha bicicleta e doutros agasallos doados por empresas locais.
Desde a organización lémbrase que as crianzas menores de cinco anos deberán participar en cadeiras adaptadas ás bicicletas das persoas adultas e recoméndase escoller o percorrido máis axeitado segundo a idade e a habilidade de cada participante. O uso do casco será obrigatorio durante toda a actividade.




