A noiesa Eli Dosil viaxa a Venezuela na primeira misión internacional do Voluntariado Local de Noia

21 Xullo 2026

A noiesa Eli Dosil parteu rumbo a Venezuela para participar durante os vindeiros quince días nunha misión humanitaria destinada a recuperar servizos básicos no estado de La Guaira, afectado recentemente por un devastador terremoto. A intervención arrancará coa instalación de lavanderías comunitarias, un primeiro paso para mellorar as condicións de vida das persoas damnificadas.

Esta expedición supón un fito histórico ao ser a primeira intervención internacional da Asociación de Voluntariado Local de Noia, entidade creada para impulsar a solidariedade tanto no ámbito municipal como no exterior. Para facelo posible, a asociación noiesa asinou un convenio coa organización vasca GBGE, especialista en emerxencias e cooperación internacional.

Unha viaxe con fondos persoais e experiencia previa

Para Dosil, a viaxe ten un profundo compoñente emocional. Aínda que vive en Noia desde que era un bebé, naceu en Caracas, onde a súa familia emigrou no seu día como tantos outros galegos:

«Igual que un día houbo familias galegas que atoparon en Venezuela unha oportunidade para construír unha vida, hoxe queremos devolver, con humildade, unha pequena parte de toda esa solidariedade», sinala a voluntaria.

Non é a súa primeira experiencia en catástrofes. Tras o paso da DANA por Valencia, Dosil xa traballou durante máis de un mes como voluntaria en Paiporta xestionando a recepción e distribución de axuda humanitaria.

Cooperación «de local a local»

Baixo o lema de fuxir de grandes discursos e centrarsa nas accións útiles, a voluntaria defende a forza da solidariedade veciñal:

«A cooperación non consiste en chegar para salvalo todo. Consiste en estar onde podes ser útil e facer ben a parte que che toca. O que intentamos facer é tender unha man e facer un pouco máis fácil o día a día das persoas afectadas».

Con este desprazamento arranca tamén a iniciativa “Noia con Venezuela”, mediante a cal a asociación informará á veciñanza do municipio sobre o desenvolvemento dos traballos no terreo.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.