A Feira Medieval enche Padrón de cor nunha edición con especial protagonismo para Arjonilla

03 Xullo 2026

Padrón formalizou na tarde deste venres 3 de xullo a apertura oficial da XIX Feira Medieval, unha das citas máis agardadas do calendario festivo local, que durante toda a fin de semana converterá o centro histórico nun grande escenario de época con máis de 90 postos de artesanía, ruadas, música, animación e espectáculos para todos os públicos.

Nesta edición, o irmandamento entre Padrón e Arjonilla (Xaén) asinado o ano pasado, adquire un protagonismo especial a través dun amplo programa de actividades destinadas a fortalecer os lazos entre ambas as dúas localidades, unidas historicamente pola figura do trobador Macías O Namorado.

A programación comezou coa celebración dunha cata de aceites da Cooperativa Agraria San Roque, integrada por preto dun milleiro de agricultores e agricultoras que cultivan máis de 500.000 oliveiras. A doutora Brígida Jiménez Herrera foi a encargada de presentar aos asistentes as características dos aceites da marca El Trovador, explicando as súas propiedades, os beneficios do aceite de oliva virxe extra e as claves para unha correcta degustación.

O acto, celebrado no Restaurante Rivera con aforo completo, contou coa participación do alcalde de Padrón, Anxo Arca; do alcalde de Arjonilla, Luis Miguel Carmona; e do presidente da Cooperativa Agraria San Roque, Roque Ruano.

Ao rematar a cata, a delegación de arredor de medio cento de veciños e veciñas de Arjonilla, que está a realizar o Camiño de Santiago desde Tui, participou nunha exhibición de chave no Xardín Botánico-Artístico, onde puido coñecer de preto un dos xogos tradicionais con maior arraigamento en Padrón.

Paralelamente, os Bufones Zascandiles e Chawazee, xunto co grupo Gaeloc, encheron de música e animación as rúas do centro histórico, convidando a veciñanza e visitantes a mergullarse no ambiente medieval. A xornada completouse cun espectáculo de maxia infantil na praza de Macías, que serviu como adianto dunha programación deseñada para todos os públicos.

Arjonilla volverá ocupar un lugar destacado na programación deste sábado. Ás 11.15 horas terá lugar a recepción oficial á Corporación municipal e á delegación xienense na Casa do Concello. Posteriormente, ás 12.00 horas, celebrarase a inauguración oficial da XIX Feira Medieval cun gran pasarrúas, mentres que ás 14.00 horas autoridades e veciñanza de ambos os dous municipios compartirán un xantar de confraternidade.

Ao longo da tarde continuarán os obradoiros, as atraccións infantís, os espectáculos de rúa, os malabares, a música e as exhibicións de acrobacias, consolidando unha programación pensada para todas as idades.

Como peche da xornada, ás 23.00 horas, a praza de Macías acollerá Quimera, o grande espectáculo da compañía Pablo Méndez Performances, unha proposta que combina maxia, teatro visual, danza acrobática e mitoloxía para ofrecer unha experiencia sorprendente e de grande impacto visual.

Para o domingo, a veciñanza de Padrón poderá acompañar a comitiva de Arjonilla na última etapa de peregrinación dende a igrexa padronesa ata a Catedral de Santiago. A delegación xienense chegou este venres a mediodía a Padrón, onde foi recibida polo alcalde, Anxo Arca, pola concelleira de Turismo, Chus Campos, e polo técnico de Turismo, Alberto Rey. Dende A Ponte visitaron o paseo da Constitución e a desembocadura, antes de achegarse ata a biblioteca municipal e visitar a vila.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.