
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este xoves 23 de xullo unha visita a Muros, onde foi recibido pola alcaldesa, María Lago Lestón, e pola tenente de alcaldesa, Caridad González Cerviño, para abordar os principais investimentos que a institución provincial está a impulsar no municipio e coñecer sobre o terreo algunhas das actuacións máis recentes.
Durante a súa estadía en Muros, o presidente provincial e a alcaldesa asinaron na Casa do Concello o convenio de colaboración para financiar as obras de construción dun novo parque infantil en Esteiro e o acondicionamento da zona deportiva e de xogos de Louro. O proxecto conta cun orzamento de 246.328,11 euros, dos que a Deputación achega 197.062,48 euros, o 80% do investimento total.
Formoso destacou que “estas actuacións permiten crear e renovar espazos públicos pensados para o uso diario das familias, da infancia e da mocidade, mellorando a calidade de vida nas parroquias e dotándoas de instalacións modernas e accesíbeis”.
O presidente resumiu incidindo en que o importante é que “os recursos que a Deputación facilita aos concellos para facer investimentos se materializan en mellorar a calidade urbanística e de vida na provincia”.
Pola súa banda, María Lago, fixo fincapé “no infrafinanciamento municipal”, que, ademais, “vai aparellado de cada vez máis competencias”. Por iso puxo en valor que “o concello dos concellos” apoie economicamente os concellos para cubrir necesidades municipais para as que non teñen recursos.
En Esteiro, o proxecto contempla a creación dun novo parque infantil na contorna do Parque do Artón, cunha configuración diferenciada para distintas idades. Haberá dúas áreas de xogos, unha destinada aos nenos e nenas máis pequenos e outra para cativos de maior idade, con elementos como tobogáns, randeeiras, tirolina, xogos inclusivos e adaptados, un multixogo e unha rede tridimensional. A actuación completarase coa instalación de varanda de protección e novo pavimento continuo de caucho de seguridade.
En Louro, a intervención permitirá recuperar e poñer en valor un espazo público actualmente infrautilizado en Agra de Filgueira. Renovarase a pista deportiva, cun novo pavimento e marcaxe para fútbol sala e balonmán, instalaranse porterías e acondicionarase a contorna. Tamén se renovará a zona de lecer infantil con novos xogos, mobiliario, fonte e melloras no pavimento, ademais de construír unha rampla de acceso desde o aparcadoiro e acondicionar e axardinar os espazos próximos.
Humanización da rúa Real

Con posterioridade Valentín González Formoso, María Lago e Caridad González supervisaron o resultado das obras da segunda fase da humanización da rúa Real, no centro histórico de Muros, financiadas pola Deputación a través do Plan Único (POS+) con preto de 230.000 euros.
A actuación, sinalaron, “permitiu renovar un espazo no que tanto os pavimentos como as redes de servizos estaban obsoletos, acometendo unha reforma integral orientada a modernizar as infraestruturas e, ao mesmo tempo, respectar e poñer en valor o carácter histórico da contorna”.
O proxecto incluíu a renovación das redes de abastecemento e saneamento, cunha nova rede separativa, a mellora das canalizacións de alumeado público e a instalación de canalizacións que permitirán no futuro soterrar o cableado eléctrico e de telecomunicacións.
Salientaron tamén que “a nova pavimentación mantén a estética característica do conxunto histórico de Muros, con firmes de granito que respectan os criterios establecidos para a protección deste ámbito patrimonial”.
Formoso salientou que “a rúa Real é un bo exemplo do modelo de actuación que impulsamos a través do Plan Único: obras decididas polo propio Concello, que permiten modernizar e mellorar os espazos públicos respectando, neste caso, a identidade e o extraordinario valor patrimonial do casco histórico de Muros”.
Terceira fase de humanización
No acto anunciouse tamén que este mesmo ano, o Concello de Muros iniciará as obras da terceira fase de actuacións na rúa Real, financiada tamén a través do Plan Único da Deputación. Esta obra suporá un investimento de 280.000 euros, que, sumados aos 230.000 destinados a esta segunda intervención, suman un total de máis de medio millón de euros (510.000) de fondos provinciais ao remodelado integral desta rúa.
Máis de 18,2 millóns investidos en Muros
O presidente destacou tamén “a estreita cooperación da Deputación co Concello de Muros” e engadiu que “nos once anos de goberno de Valentín González Formoso, a institución provincial acumula investimentos por máis de 18,2 millóns de euros no municipio”.
Deste importe, 9,2 millóns de euros corresponden ao Plan Único (POS+), a principal ferramenta de cooperación da Deputación cos concellos, que permitiu financiar en Muros 54 obras destinadas á mellora de infraestruturas, equipamentos e servizos públicos.
Sobre este plan, Formoso puxo en valor que sexa “un documento vivo”, que inicia nunha cantidade, pero que, a través de diversos plans adicionais “sempre acaba nunha contía moi superior”. Lembrou o presidente que neste 2026 o POS+ acadou unha cifra récord de 160 millóns de euros, un incremento de máis do 550% respecto dos 24,5 millóns cos que comezou o goberno de Formoso no 2015. “Sabemos que nunca chega, pero sempre aspiramos a máis”, resumiu.




