
A sede da Casa RIA en Santiago acolleu este 1 de xullo pola tarde a celebración do segundo aniversario da materialización desta sede na rúa Virxe da Cerca, sede da Fundación RIA: entidade envorcada en reivindicar a tradición arquitectónica, produtiva, social, cultural e urbanística do Barbanza e a súa contorna. Participaron (entre outras/os) o arquitecto David Chipperfield, principal impulsor da fundación, o conselleiro de Emprego e Comercio, José González, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.
Na súa intervención, José González salientou a contribución de Casa RIA como “espazo de referencia para a reflexión e o diálogo para conectar os desafíos globais desde unha perspectiva local adaptada á realidade galega, consolidándose como un lugar aberto á organización de actividades, encontros e exposicións vinculadas ao labor da Fundación e favorecendo a creación de sinerxías e o intercambio de coñecemento”.
O conselleiro puxo de relevo tamén o papel da Fundación RIA como aliado estratéxico para avanzar nun modelo de desenvolvemento sustentado na cooperación entre o sector público e o privado, unha fórmula que cualificou de esencial para promover iniciativas que contribúan á dinamización económica e social de Galicia.
Destacou proxectos como a cooperación coa Fundación RIA no programa Muimenta Viva, unha iniciativa impulsada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Concello de Carballeda de Avia que busca activar os novos equipamentos comunitarios da aldea e avanzar cara a un modelo público innovador de emprendemento e dinamización territorial no rural galego.
Así mesmo, destacou outras áreas de traballo conxuntas vinculadas co pulo ás prazas e mercados de abastos. Neste sentido, lembrou as xornadas Encontros de mercado celebradas o pasado ano e orientadas a reforzar o papel estratéxico destes enclaves como motores do comercio de proximidade e escaparates da calidade e frescura dos mellores produtos galegos.
O encontro serviu tamén para visibilizar proxectos de gastronomía local coma A Cantina de Casa RIA. Esta proposta de quilómetro cero pon en valor o papel das prazas de abastos como enclaves esenciais para subministrar á restauración peixes e produtos frescos.




