A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este mércores no municipio coruñés de Muros o proxecto experimental de captación de mexilla impulsado pola Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega), onde trasladou o apoio da Xunta ao sector miticultor na procura de solucións que garantan un subministro estable de semente.

Durante a visita, a titular de Mar coñeceu de primeira man o funcionamento das denominadas long-lines, un sistema baseado en cordas de captación que se está a desenvolver de xeito experimental nas rías galegas. Esta fórmula busca complementar as fontes tradicionais de obtención de mexilla, reducindo a dependencia da cría que aparece nas rochas ou nas cordas colectoras das bateas.
Acompañada polo presidente de Opmega, Ricardo Herbón, e outros representantes da entidade, Villaverde supervisou as tarefas de izado e transporte das cordas, ademais de comprobar a calidade e a abundancia da semente obtida neste sistema.
No transcurso da visita, a conselleira salientou a importancia estratéxica da miticultura en Galicia, que cualificou como “unha das actividades fundamentais da economía azul galega”, tanto pola súa capacidade de xerar emprego como polo seu papel na cohesión social e económica das zonas costeiras.
Segundo os últimos datos dispoñibles, Galicia continúa a consolidarse como unha das principais potencias acuícolas de Europa. En 2025, a produción de acuicultura mariña acadou as 189.251 toneladas, das que 177.638 corresponderon ao mexillón. Os moluscos bivalvos representaron o 94,6% do total, cun valor económico superior aos 136 millóns de euros.
Villaverde tamén puxo en valor o esforzo dos profesionais do mar para manter a competitividade e sustentabilidade dunha actividade recoñecida internacionalmente pola súa calidade e respecto polo medio. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Xunta co sector para facer fronte a retos como a dispoñibilidade de semente, os efectos do cambio climático ou a mellora da planificación dos espazos marítimos.
A visita prodúcese despois de que a Comisión do Mexillón acordase o pasado 28 de maio ampliar nun mes o prazo de extracción de mexilla, unha medida destinada a facilitar o abastecemento e garantir a continuidade da actividade produtiva no sector.



