Ribeira debaterá, a proposta do BNG, consolidar o martes de Entroido e o Día da Dorna como festivos locais

15 Xuño 2026
Na imaxe: Rafael Pazos, Cruz Rivadulla, Luís Pérez, Veva Betanzos e Antía Alberte

O BNG de Ribeira levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para establecer de maneira permanente o martes de Entroido e o 24 de xullo, Festividade da Dorna, como festivos locais retribuídos e non recuperables, agás cando o Día da Dorna coincida en domingo.  A proposta, presentada polo grupo municipal e o responsábel local, responde en palabras do BNG “ao arraigamento social e cultural destas dúas celebracións, pero tamén ao seu impacto directo na actividade económica da vila, especialmente na hostalaría, a restauración, o comercio e os servizos”.

O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, lembrou que “o 24 de xullo leva anos solicitándose que sexa sempre local, recoñecendo a importancia da Festa da Dorna como principal expresión da identidade e das festividades do concello de Ribeira”.

Para o BNG, “manter o 24 de xullo como festivo local para a Dorna permite que a veciñanza participe con plenitude nos actos do día grande da Dorna, favorecendo a conciliación e reforzando unha festa profundamente ligada á identidade mariñeira da vila”. E engade Pérez Barral: “Estamos a falar da nosa principal festa popular, dunha celebración declarada de interese turístico, que mobiliza milleiros de persoas, dinamiza a economía local e proxecta o nome de Ribeira dentro e fóra de Galiza. O lóxico é que a veciñanza poida vivir plenamente o día grande dunha festa que sente como propia”.

Desde o BNG subliñan tamén que o martes de Entroido foi “durante décadas unha das datas máis arraigadas do calendario festivo de Ribeira, até que o Partido Popular decidiu suprimilo nalgúns anos”. Para o grupo, “recuperalo significa volver apostar por unha celebración que mobiliza a centos de persoas, dinamiza a hostalaría e devolve ao municipio unha actividade social e económica que nunca se debería ter deixado escapar por unha mala decisión política. O Entroido é unha celebración profundamente arraigada na nosa vila, na que participan asociacións, familias e moita veciñanza a través de murgas, festas e actividades populares. Ademais, representa un importante balón de osíxeno para a hostalaría e o comercio nun momento do ano especialmente complexo para moitos negocios, xa que nesa época do ano o gasto contráese”.

Luís Pérez Barral incidiu en que “a proposta responde a unha visión ampla do municipio, na que teñen cabida tanto as tradicións festivas máis asentadas como a defensa da economía local. Sabemos que esta é unha cuestión que xera debate, pero precisamente por iso hai que tomar decisións con serenidade, con sentido común, coherencia e pensando no que é mellor para Ribeira. A proposta que facemos é a que representa o sentir de moita xente e tamén o interese dos sectores económicos” afirmou.

O BNG insiste en que a proposta se formula “en positivo” e “pensando no interese xeral do municipio, incluíndo tamén unha mellor planificación das festas patronais de Santa Uxía”. Así, consideran que concentrar os actos lúdicos na segunda fin de semana de setembro permitiría reforzar a súa participación e impacto. “Esta organización facilitaría a asistencia da veciñanza ás actividades, permitiría rendibilizar mellor os fondos públicos investidos polo Concello e consolidaría as festas patronais como unha referencia comarcal, sen impedir en absoluto que os actos relixiosos e institucionais da patroa se celebren o propio 12 de setembro”, explicou Pérez Barral.

“Non estamos escollendo simplemente dous días festivos, estamos decidindo que modelo de vila queremos apoiar e nós apostamos polas festas que mobilizan á veciñanza, que fortalecen a nosa identidade e que tamén xeran actividade económica para a hostalaría, o comercio e os servizos”, concluíu Luís Pérez Barral.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.