O Auditorio Municipal de Padrón acolleu este venres 5 de xuño o acto de clausura do curso 2025–2026 das Aulas Sénior de Galicia (Ategal), nunha xornada marcada pola homenaxe que o Concello lle rendeu a José Taboada e a Ramonita Vázquez por ser o alumnado máis veterano destas aulas da terceira idade. A xornada, que rematou cun xantar de confraternidade, estivo marcada pola emoción, polo recoñecemento e polo compromiso co envellecemento activo.
As Aulas Sénior de Padrón seguen sendo, un ano máis, as máis numerosas de Galicia polo número de persoas matriculadas. E José Taboada González é o alumno máis veterano das 361 inscritas. Non só por ser o de maior idade (94 anos, preto de cumprir xa os 95), senón tamén porque é un dos poucos que asiste ás actividades dende que se puxeron en marcha en 1993.

Ramona Vázquez Iglesias, coñecida como Ramonita, non é tan veterana nos obradoiros. Incorporouse como alumna cando se xubilou en 2023. Hoxe, con 93 anos cumpridos, agradeceu a ampla oferta de actividades ás que pode acudir.
O alcalde, Anxo Arca; a concelleira da Terceira Idade, Mariló Saco Vigo, e o presidente das Aulas Sénior Galicia, Ángel Fagilde, entregáronlles unha figura de Sargadelos e un diploma acreditativo tanto a José como a Ramonita, que recibiron unha sonora ovación.

Ángel Fagilde volveu resaltar que as de Padrón son as Aulas Sénior máis numerosas das nove que hai en Galicia. Os 361 alumnos superan con moita diferencia as matrículas noutras cidades como Santiago, Vigo, A Coruña ou Ferrol, indicou. “Ademais, sodes un alumnado moi constante, que vos incorporades e seguides ano tras ano”. Fagilde tamén agradeceu a implicación da directora das Aulas de Padrón, Cruz Taboada.

Anxo Arca agradeceu a implicación de todas as persoas que participan nas Aulas de Padrón. “Sodes un exemplo de que se pode envellecer estando activos, mantendo as ganas de aprender e de ter curiosidade”. Un pode manterse “dinámico e desfrutando do día a día” independentemente da súa idade, engadiu. O alcalde volveu comprometer o apoio do Concello coa terceira idade, fomentando iniciativas para fomentar o envellecemento activo. “Hoxe Padrón é un gran pobo grazas a vós”, díxolles ás persoas asistentes.
Mariló Saco foi a encargada de presentar os homenaxeados da xornada, as dúas persoas de máis idade que acudiron este curso ás Aulas Sénior de Padrón.
Pola súa banda, Cruz Taboada agradeceu a masiva asistencia ás Aulas Sénior, que este ano sumou 45 incorporacións ata as 361 persoas matriculadas. A directora volveu insistir en que “os anos non poden ser un obstáculo para seguir facéndose preguntas e aprender cousas novas”.

Exposición, música e convivencia para pechar o curso
A programación da mañá incluíu unha coidada exposición de traballos realizados durante o curso nos obradoiros de pintura ao óleo, de bordado, de manualidades, de pinturas en tela e de labores. Tamén se proxectou unha vídeo-memoria das actividades desenvolvidas, destacando momentos vividos nas sesións formativas, saídas culturais e obradoiros de benestar.
O acto estivo animado polo grupo musical da Asociación Amoriños, que interpretou temas coreados polo público presente.
A xornada rematou cun xantar de confraternidade no Restaurante Scala, onde as persoas asistentes compartiron experiencias e xa comezaron a contar os días para o inicio do novo curso.
As Aulas Sénior de Padrón ofrecen cada ano un amplo e diverso programa formativo, que abrangue desde alfabetización dixital, expresión artística ou cociña saudable, ata seminarios de desenvolvemento persoal, actividades interxeracionais, visitas termais ou viaxes culturais, consolidando un modelo que sitúa a Padrón como referente galego no ámbito da formación e do lecer para persoas maiores.



