
Non é novo. Desgraciadamente ocorre o que moitos galegos, especialmente os residentes no medio rural, agardaban: arde Galicia. E desta vez, incide na parroquia de Roupar, concello lucense de Xermade, onde arderon 20 hectáreas de monte; outras 350 hectáreas están afectadas polo incendio aínda activo (está estabilizado) na parroquia padronesa de Herbón, e 230 hectáreas foron arrasadas polas lapas na parroquia de Maceiras, concello ourensán de Boborás.
Son os tres primeiros aldabonazos após a moita choiva que, en Galicia, fixo medrar descontroladamente o mato e os responsábeis de que a broza non cubrira as terras nas que antes alindaba o gando quedaran man sobre man vendo pasar o tempo e sen tomar as medidas que tantas veces se reclamaron, sabedores todos do que previsiblemente sucedería de non se rozar os montes.
Ben sei que é o conto de tódolos anos porque as circunstancias son repetitivas, sinal de que non non aprendemos, non escarmentamos. É como se non quixeramos aprender, aplicármonos a lección durante tantos anos ditada por esa gran mestra que é a Natureza, E que máis nos queda por aprender para podermos aplicar a ensinanza xusta de que os montes, ao igual que o corpo humano, hai que coidalo, limpalo, mimalo…
De non ser así, a resposta non vai ser outra: lume!.. Lapas que todo o devoran, que todo o envolven para que os orzamentos non prexudiquen a estabilidade comunitaria e que a presidencia non se poña en entredito pola economía. O monte, máis tarde ou máis cedo reverdecerá e perderá esa cor moura que todo e mata temporalmente.
Verdadeiramente, non aprenderemos?. Teremos que afogarnos todos co fume, queimarnos co lume para que un berro seco nos traslade a idea de que os montes hai que limpalos no inverno para que ardan coa seca?…
Decataránse os que mandan desta tremenda responsabilidade?..
Quixera confiar. Quixera, si.



