
O festival Viladomar, máis alá dos muros celebrará do 1 ao 11 de xullo a súa sétima edición. Impulsado pola Asociación Cultural Ondiñas Mainas en colaboración co Concello de Rianxo e a Deputación da Coruña, o festival volverá transformar distintos espazos da vila a través da creación artística, o diálogo coa veciñanza e a intervención no espazo público.
Segundo informan dende a organización, “ao longo das súas seis edicións anteriores, Viladomar foi construíndo un museo ao aire libre que medra ano tras ano, deixando pegadas na paisaxe urbana e rural de Rianxo e convertendo os seus muros nun punto de encontro para artistas, veciñanza e persoas visitantes”.
Engaden que “nesta edición incorporaranse tres novas intervencións murais que pasarán a formar parte deste percorrido artístico aberto a quen queira descubrilo”.
Desta volta participarán a muralista baionesa Lula Goce, unha das artistas máis recoñecidas do panorama internacional da arte urbana, cuxa obra combina fotorrealismo, natureza e reflexión sobre a identidade, territorio e a memoria.
Xunto a ela estará Agustina Shuan, ilustradora e deseñadora gráfica arxentina afincada en Galicia, coñecida polas súas composicións cheas de cor, personaxes expresivos e unha linguaxe visual que transita entre a ilustración, o muralismo e o deseño.
Completa o cartel Alejandro Mosquera, arquitecto e artista coruñés que desenvolve unha obra moi vinculada á paisaxe, á memoria e á cultura visual galega.
Ademais, o escultor e artista Camilo Seira participará na programación do festival cun obradoiro aberto ao público vinculado á creación artística, a natureza e os materiais.
A imaxe de Viladomar 2026, deseñada por Bernardo Paz Codesido, toma como punto de partida un petróglifo localizado na contorna de Rianxo. A partir desta referencia, esta edición inspírase nos símbolos que acompañan ás persoas desde hai miles de anos e na súa capacidade para seguir xerando significados no presente. “A través da figura dun petróglifo, o festival propón unha mirada sobre a arte como unha forma de expresión compartida capaz de conectar pasado e presente”, destaca organización, salientando que “do mesmo xeito que os petróglifos continúan falándonos hoxe das persoas que habitaron estes lugares séculos atrás, os murais deixan tamén a súa marca na vila e nas persoas que a percorren”.
Actividades para todos os públicos
Xunto ás intervencións artísticas, Viladomar volverá ofrecer unha programación paralela aberta á participación da veciñanza e das persoas visitantes. O programa incluirá roteiros, paseos en barco, actividades participativas e unha xornada especial de peche.
Nas próximas semanas daranse a coñecer as localizacións das intervencións, os detalles das actividades e o calendario completo da programación.



