O BNG de Outes celebrou nun comunicado a materialización da primeira fase da senda peonil e ciclábel entre o Cruceiro de Roo e A Serra de
Outes, unha actuación que “responde a unha demanda histórica da formación e que forma parte do modelo de mobilidade que a organización nacionalista leva anos defendendo para o conxunto do municipio”, sinalaron, engadindo que o principal eixo de comunicación do concello outense é a estrada AC-550,
protagonista deste proxecto que, dende hai anos, o BNG vén propoñendo. A iniciativa ten a súa orixe na creación dun itinerario peonil e ciclista que une O
Freixo con Seilán, co obxectivo de conectar Outes con Muros e Noia, pasando polo Cruceiro de Roo e A Serra de Outes. “Así”, sinalan, “garantiriamos unha conexión segura entre os principais núcleos de poboación e melloraríamos a seguridade viaria tanto para peóns e ciclistas como para os propios vehículos”.

Lembran tamén que foi durante a etapa do BNG no goberno municipal cando se trasladou á Xunta de Galicia “a necesidade de iniciar este proxecto pola conexión entre o Cruceiro de Roo e A Serra de Outes, unha prioridade que comeza a facerse realidade”, destacan.
O voceiro do BNG en Outes, Anxo Núñez, apuntou que “esta actuación demostra que o noso traballo constante e propositivo acaba dando resultados. Levamos anos defendendo este proxecto porque cremos nun modelo de concello máis seguro, máis accesíbel, poñendo ás persoas no centro”.

Con todo, desde o BNG consideran que “este é só o primeiro paso dun proxecto moito máis ambicioso”. A formación aposta por “continuar desenvolvendo unha rede de mobilidade sostíbel que conecte progresivamente todo o municipio”. Neste sentido, os nacionalistas seguirán insistindo “na necesidade de executar unha senda peonil e ciclábel na AC-196, entre Seilán e a Ponte Nafonso, unha infraestrutura que permitiría ampliar a rede e conectar novos núcleos de poboación”. O obxectivo do BNG contempla a conexión dos núcleos rurais cos urbanos mediante itinerarios seguros para peóns e bicicletas, reducindo a dependencia do vehículo privado e facilitando unha mobilidade máis respectuoso co medio e adaptada ás necesidades do século XXI.
“Temos un proxecto claro e definido para Outes. Queremos un concello mellor conectado, máis seguro e no que as persoas poidan desprazarse con liberdade, independentemente de onde vivan. Esta primeira actuación é un paso adiante nun servizo básico. Aínda así, somos conscientes de queda moito por facer e temos a ambición e o proxecto necesarios para liderar un novo goberno en Outes que traballe para construír un novo futuro para o noso concello”, afirma Anxo Núñez. O BNG reafirma así o seu compromiso de seguir traballando con “propostas concretas e unha visión de futuro para construír un concello máis cohesionado, accesíbel e preparado para afrontar os retos da mobilidade da vila”.



