Máis de medio cento de veciños e veciñas de Lousame asistiron na noite deste venres 19 de xuño á presentación do libro Wolfram. El Camino Negro, un libro colectivo publicado pola Universidade de León que analiza o impacto histórico da extracción, comercio e uso do volframio no noroeste peninsular durante a Segunda Guerra Mundial e a ditadura franquista.

Foi unha presentación realizada por Rosa Arburua Goinetxe, coordinadora da publicación, e María Teresa Sobradelo Creo, licenciada en Historia e técnica municipal do Concello de Lousame, quen se encargou de escribir a parte dedicada ás Minas de San Finx.
Ambas foron presentadas pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, quen destacou que o libro “non só analiza aspectos e problemáticas históricas, senón que tamén aborda cuestións sociais como as condicións de traballo das persoas que extraían, lavaban, roubaban ou vendía o volframio e a repercusión que esta actividade tivo nas súas vidas e na dos seus pobos como Lousame”.
Así, Rosa Arburua contou aos presentes como durante a II Guerra Mundial os aliados non precisaban do dito mineral, incluso recoñeceu que algúns cargamentos mesmo acabaron no fondo do mar, pero decidiron que tiñan que facer todo o posíbel para que os alemáns non o conseguiran, o que derivou nunha competencia feroz que multiplicou o seu prezo, de forma que o Estado Español case pagou a débeda da guerra cos impostos extraídos do volframio. Iso si, dixo, a súa publicación e comercialización provocou situación “de película”, como a que narrou a propia Rosa Aruburua de como un cargamento foi quen de cruzar por Navarra, evitando os controis e circulando por zonas perigosas.
Pola súa banda, María Teresa Sobradelo falou do seu artigo Las minas de San Finx: El origen de la minería del wolframio en España e salientou as semellanzas da explotación de San Finx coas outras dúas recollidas no libro: Casaio e Peña del Seo, como que as tres explotan o volframio sobre un filón de cuarzo. Así mesmo, salientou as particularidades da mina lousamiá, como que comezou a ser explotada xa no século XIX por parte dunha etapa inglesa: de 1880 ata os anos corenta do século XX.
“A etapa inglesa é unha etapa de moito esplendor na explotación da mina, pero as condicións laborais eran malas. Os ingleses viñeron a San Finx buscando estaño e dotárono de infraestruturas pois case todos os edificios actuais foron construídos por eles. Traen máquinas para aumentar a produción, traen a electricidade, constrúen o edificio dos compresores que mecanizan o traballo e aumentar a poboación”, sinalou Mayte Sobradelo, quen salientou que “unha das primeiras manifestacións sindicais que houbo en Galicia tivo lugar en San Finx porque aló polo 1903 había máis de cen traballadores que reclamaban melloras nas súas condicións laborais, que eran de doce horas e media de traballo. Non conseguiron todo pero algo si”.
Tamén lembrou que “entre 1920 e 1930 houbo moita mortaldade en Lousame debido ao traballo na mina de San Finx porque se picaba en seco. E o volframio está nunha veta de cuarzo e ese po é sílice pura que non se depositaba, xa que a mina traballaba día e noite. E medidas de protección daquela, se houbera as mascariñas que tivemos durante a pandemia pero nin iso, algúns porían un trapo pola cara e pouco máis… pois morrían aos seis meses de silicose. Iso fixo que os homes de Lousame deixaran de querer traballar no interior da mina”.

Investir en cultura
Tras máis de hora e media de presentación, o alcalde de Lousame, Esteban Ares, pechou o acto destacando que “a nosa obriga como Goberno local é investir en cultura, en historia, sobre todo cando é a historia do noso pobo. Creo que todos os cartos que se invisten en cultura e historia é investir no futuro dos veciños e do pobo porque temos a obriga de trasladarllo ás próximas xeracións para que a nosa historia non se perda. Por iso síntome orgulloso do traballo que tendes realizado con este libre”.
Neste sentido, fixo fincapé en que “non se pode entender Lousame sen falar das minas de San Finx. Temos a obriga que transmitilo porque Lousame ten unha cultura, unha historia e unha forma de entender a vida e a nosa obriga é poñela en valor”. Acto seguido, agasallou a Rosa Arburua cunhas publicacións editadas polo Concello de Lousame nos últimos anos.
Wolfram. El Camino Negro é un libro de investigación histórica editado pola Universidade de León, está escrito en castelán e prologado por Joan Mario Thomás. Consta de sete colaboracións: Los comienzos, de Rosa Arburua Goinetxe e Javier Fernández Loazo; El wolframio español en la Segunda Guerra Mundial: Aspectos generales, de Diego Castro Franco; Las minas de San Finx: El origen de la minería del wolframio en España, de María Teresa Sobradelo Creo; Oro negro en los montes de Casaio: La gran apuesta nazi, de Christian Barrio Fernández e Laura Martínez Panizo; Wolframio, espionaje, contrabando e guerrilla en el noroeste peninsular y la Peña del Seo, Diego Castro Franco; Euskal Herría en la ruta del contrabando, de Rosa Arburua Goinetxe; e El wolfram en el siglo XXI, de Javier Fernández Lozano.



