Un amplo operativo policial contra o narcotráfico desenvolvido este martes na comarca do Salnés saldouse, polo momento, con cando menos doce persoas detidas e unha vintena de rexistros simultáneos en vivendas. A operación, que continúa aberta e está baixo segredo de sumario, esténdese tamén a Vigo e á Comunidade de Madrid.

Segundo fontes xudiciais, o dispositivo está coordinado polo Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa e non se prevé que os arrestados pasen a disposición xudicial ata o xoves. No operativo participan efectivos do grupo II da Udyco de Pontevedra, coa colaboración da Garda Civil.
A actuación desenvolveuse de maneira simultánea en distintos puntos do Salnés, incluíndo Vilagarcía, Vilanova, Cambados e Ribadumia. Entre os rexistros realizados transcendeu o levado a cabo nun piso do centro de Vilanova de Arousa, nun edificio de tres plantas situado nunha rúa estreita.
Un dos puntos que máis chamou a atención foi a intervención nun chalé da zona de Rubiáns, en Vilagarcía, propiedade do coñecido narcotraficante Lino Baloiras, actualmente en cumprimento de condena. Segundo distintas fontes, nos últimos tempos fora visto na vivenda con posibles permisos, aínda que non hai confirmación oficial de que se atopase no interior no momento do rexistro. Durante a inspección, un familiar acompañou os axentes mentres revisaban a propiedade, que conta con varias edificacións.
No marco deste operativo, un home de 31 anos faleceu en Cambados tras recibir un disparo durante a intervención policial, segundo informou G24.gal. As circunstancias do suceso están tamén baixo investigación.
A operación continúa en marcha e non se descartan novas detencións nin máis rexistros nas próximas horas.



