Este sábado, proba de travesía para o primeiro día do Gran Trofeo Faro de Corrubedo-Regata Ramiro Carregal Rey

18 Xuño 2026

Juan Caballero (texto e imaxes). Máis dunha vintena de embarcacións inscribíronse na XXVI Regata Ramiro Carregal Rey, o Gran Trofeo Faro de Corrubedo que organiza o Real Club Náutico Portosín en colaboración coa Real Federación Galega de Vela e o Club Náutico Deportivo de Ribeira.

Ás 12 do mediodía deste sábado 20 de xuño, a condición de que as condicións meteorolóxicas permitan, máis dunha de vintena de embarcacións tomarán a saída desde as inmediacións da bocana de entrada ao porto deportivo do Real de Portosín, poñendo proa cara ao saída sur da ría de Muros e Noia, dirección ría de Arousa para acometer unha travesía de gran beleza paisaxística.

Serán unhas 22 millas náuticas – algo máis de 35 km – nun trazado marítimo no que non se poderá baixar a garda en ningún momento debido aos baixos rochosos da zona.

A derrota marítima máis curta será a de adentrarse polos pasos do Carreiro ou o de Sagres, ambos coa dificultade que entrañan as pedras que os defenden celosamente, co hándicap da ondada que as mesmas formacións poden chegar a montar, se a mar está chea e con enerxía.

No caso de que esta opción non sexa válida, pola seguridade dos regatistas, o Comité da Ramiro Carregal Rey indicaría o contorneo á Illa de Sálvora, navegando polo seu exterior e buscando un rumbo máis aberto, onde as ondas sexan moito máis negociábeis para os veleiros.

Previamente, na baixada, haberá que atender os baixos de Basoñas e a pedra de Filgueira, que serán outras das prioridades para salvar polos responsábeis da navegación a bordo, estando moi atentos á súa localización nas cartas mariñas ou na electrónica dos veleiros.

Presentación da Regata

Unha vez adentrados no interior da ria de Arousa, a navegación xa será máis tranquila, un momento estratéxico para exporse unha boa táctica e chegar co velame coma unha bala, se a intensidade do vento permite, ata as inmediacións do Deportivo de Ribeira, onde estará situada a chegada.

O Real Club Náutico Portosín organizou unha loxística de desprazamentos por estrada para levar aos regatistas dun porto a outro, tanto nas horas previas á saída como ao seu termo.

O top, para a xornada sabatina, está previsto ás 12.00 do mediodía, na ría muradá e noiesa, cunha previsión de vento moi frouxo tendo o seu eixo no oeste-noroeste, con intensidades variábeis entre os 6 e os 9 nós, o que facilitaría unha travesía máis lineal.

O domingo, e tamén con saída ás 12.00 horas, os tramos serán máis técnicos, celebrando, como mínimo, unha manga polo interior da ría arousá, nas inmediacións de Ribeira, do tipo barlovento-sotavento, un trazado entre boias que porá en xogo a destreza das tripulacións nas súas manobras e que o Comité da Regata está a barallar a súa lonxitude que poderá oscilar entre as 6 e as 8 millas, dependendo do vento reinante na propia ría.

O Real Club Náutico Portosín presenta unha excelente frota de veleiros que tratarán de facerse co Gran Trofeo Faro de Corrubedo, tendo representantes nas tres Divisións naturais como son Regata, Cruceiro/Regata e Cruceiro, con nomes como o Siradella, Dracco, Bacor, Monterrei, Tuspi II, O Montaraz ou Escora, veleiros que llas terán que ver con embaixadores de gran nivel como o Corsario Thunder, do Club de Iates de Vilagarcía; o Peperetes Nortemar, do Real Club de Regatas de Galicia; o Moucho, A Píllara e o Galopín, do Deportivo de Ribeira; o Bon III, do Club Náutico Punta Lagoa, vencedor da xeral absoluta en 2025; o Ziralla Primeiro, do Real Club Náutico de Sanxenxo; o Unus, de Luis García Trigo ou o Orión, de Javier Pérez, ambos do Monte Real Club de Iates de Baiona; o Thor II, do Club Náutico Arousa Norte; ou o Exit Manitú, do Liceo Marítimo de Bouzas, entre outros.

Outros artigos

A III edición da Noite Tradi encheu a praza da Igrexa de Ribeira

Este sábado 11 de xullo de 22 a 01:30 h celebrouse en Ribeira, na Porto do Sol (perante a Igrexa Parroquial de Santa Uxía) a terceira edición da Noite Tradi, organizada pola Asociación Cultural Bailadela e a Concelleria de Cultura de Ribeira. Contou coa actuación da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.