“Dodro con orgullo” reafirma o compromiso do Concello coa diversidade

27 Xuño 2026

O Concello de Dodro desenvolveu durante o mes de xuño a campaña Dodro con Orgullo, unha programación de actividades impulsada con motivo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, celebrado cada 28 de xuño. A iniciativa enmárcase no compromiso municipal coa promoción da igualdade, a diversidade e o respecto aos dereitos das persoas LGTBIQ+.

As accións formaron parte do recollido no V Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes de Dodro 2024-2027.

Baixo o lema Dodro con Orgullo, a programación combinou accións de sensibilización, actividades educativas e culturais, iniciativas de visibilización no espazo público e actos de carácter institucional dirixidos ao conxunto da veciñanza.

Educación

No ámbito educativo, o alumnado do CRA de Dodro – Padrón e do CPI Plurilingüe Eusebio Lorenzo Baleirón participou en diferentes actividades adaptadas ás distintas idades, orientadas á promoción da igualdade, ao respecto pola diversidade e á prevención de actitudes discriminatorias. Estas iniciativas permitiron achegar ao alumnado valores de convivencia, liberdade e respecto ás diferenzas desde unha perspectiva lúdica, educativa e participativa.

A programación incluíu tamén unha actividade cultural aberta á veciñanza na Casa da Cultura de Dodro, que contou cunha destacada participación e que serviu como espazo de encontro, diálogo e reflexión arredor das familias, da identidade de xénero, da diversidade e da importancia de construír comunidades máis inclusivas.

Así mesmo, a Biblioteca Pública Municipal de Dodro participou na campaña cunha proposta de recomendacións literarias para todas as idades, promovendo a lectura como ferramenta de coñecemento, empatía e convivencia, e convidando a infancias, adolescencias e persoas adultas a compartir as “lecturas con orgullo”.

Visibilización

Entre as iniciativas de visibilización no espazo público destacou a creación de tres bancas coas cores da bandeira LGTBIQ+, situadas nas tres parroquias do municipio (San Xoán de Laíño, San Xián de Laíño e Santa María de Dodro), e a rehabilitación da banca trans situada na praza do Concello. Estas intervencións “contribúen a transmitir unha mensaxe de respecto, inclusión e convivencia a toda a veciñanza”, informou o Concello.

Peche da campaña

Como peche da campaña, o Goberno local celebrou un acto institucional aberto á cidadanía no que participaron o alcalde, Francisco Xabier Castro Tourís, e a Concelleira de Servizos Sociais, Igualdade e Relacións Veciñais, María Teresa Batalla Romero. Durante o acto reafirmouse “o compromiso municipal coa igualdade de dereitos, coa defensa da diversidade e coa construción dunha sociedade libre de discriminación”, ao tempo que se puxeron en valor “os avances acadados e os retos que aínda persisten para garantir a plena igualdade das persoas LGTBIQ+”.

A través desta campaña, o Concello de Dodro quixo contribuír á creación de espazos de diálogo, reflexión e sensibilización que favorezan o respecto á diversidade e a convivencia, lembrando que a igualdade e a inclusión son responsabilidades compartidas que se constrúen colectivamente.

Deste xeito, Dodro con Orgullo levou a mensaxe de respecto á diversidade aos centros educativos, aos espazos culturais, ás rúas e ás prazas do municipio, reforzando o compromiso de Dodro cunha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva.

As actividades desenvolvidas contaron coa colaboración da Deputación da Coruña a través do Circuíto de Igualdade e da campaña #seresentir da Área de Igualdade e Dereitos Civís.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.