A Casa da Xuventude de Ribeira acolleu este venres 26 de xuño o acto de entrega de diplomas ao alumnado participante no curso Prevención de Riscos Laborais promovido pola asociación inclusiva Amicos, con sede no Barbanza, no marco do programa +Emprego Galicia, en colaboración coa Fundación “La Caixa” ao abeiro do programa +Empleo.

O acto contou coa participación das dez persoas formadas, da concelleira de Xuventude de Ribeira, Carmen Pérez; do coordinador da área, Keltoi Cameán; e da delegada de zona de NEXO 8 ETT, Luisa Vidal. A formación foi deseñada especificamente para persoas cun nivel moi básico de español, co obxectivo de facilitarlles os coñecementos necesarios para superar o exame de PRL esixido para incorporarse a postos de traballo na industria da alimentación. A través desta, as persoas participantes puideron adquirir competencias fundamentais en materia de seguridade e saúde laboral, eliminando unha das principais barreiras que atopan moitas persoas migrantes e en situación de vulnerabilidade á hora de acceder ao mercado de traballo.

Neste sentido, Keltoi Cameán explicou que “este curso naceu dunha necesidade moi concreta que nos trasladaron dende Nexo ETT., empresa aliada da nosa entidade, e que tamén detectamos no noso traballo diario, como é o feito que persoas con ganas de traballar e con oportunidades laborais reais diante, atopaban dificultades para superar unha formación obrigatoria debido á barreira idiomática. O noso obxectivo foi adaptar os contidos e a metodoloxía para que ninguén quedase atrás por ese motivo”.

Pola súa banda, a concelleira de Xuventude de Ribeira sinalou a importancia de iniciativas deste tipo dirixidas ao importante número de persoas migrantes que hai no municipio e que buscan inserilas no mercado laboral. Asemade, explicou o papel do consistorio na difusión e na cesión do local no que Amicos impartiu este e outros cursos dirixidos a colectivos vulnerábeis.

Así, durante a xornada fíxose entrega dos diplomas acreditativos e recoñeceuse o esforzo, a constancia e a motivación demostrada polo alumnado ao longo do proceso formativo. Moitas das persoas participantes atópanse actualmente en itinerarios personalizados de inserción laboral impulsados por Amicos, orientados a facilitar a súa incorporación a sectores con demanda de profesionais na comarca.
O programa +Emprego Galicia combina orientación laboral, formación e acompañamento individualizado para favorecer a inclusión sociolaboral de persoas con especiais dificultades de acceso ao emprego. Neste sentido, iniciativas como este curso permiten adaptar os contidos ás necesidades reais dos participantes e achegar respostas eficaces ás demandas das empresas.
O equipo de Inserta2 Ribeira está traballando cun total de 100 persoas no marco do programa. Nesta primeira metade do ano, un 80% delas participou nunha ou varias formacións de alta demanda no mercado laboral da zona, e xa se acadaron un total de 25 insercións laborais.


