A nova xunta directiva do Real Club Náutico Portosín preséntase en sociedade

05 Xuño 2026

Juan Caballero (texto e imaxes). O Real Club Náutico Portosín acolleu este venres 5 de xuño a presentación da súa nova xunta directiva, un acto social conducido polo seu presidente, José Codesido López, no que, un a un, foi dando a coñecer aos membros que a conforman.

Compóñena nove directivos, coa súa principal figura que é o seu presidente. José Codesido López é médico de profesión, exercendo na especialidade de xinecoloxía. Amante dos deportes náuticos ten o título de capitán de Iate e aínda cando participou en innumerables regatas a bordo da súa Meigas Fóra, tamén practica a natación da que é un gran afeccionado.

Fernando González Pousa, vicepresidente

Coa experiencia de ser presidente do Real de Portosín desde 2010 ata 2016, asume a área de persoal, servizos xerais e regatas. “A súa experiencia e coñecemento do club son un activo extraordinario para esta xunta”, en palabras de Codesido.

Juan Concheiro Liñares, secretario

Encárgase das funcións de secretaría e do asesoramento xurídico. Avogado de profesión, armador do Virginiano e socio de toda a vida, representa a combinación de rigor, sentido común e amor polo mar.

Miguel Reboreda Tourón, comodoro

Faise cargo de instalacións, regatas, apoio á escola e de todo o relacionado coa informática. É físico de profesión, armador do veleiro Escora e creador do programa Escora de seguimento de regatas.

Ana Martínez Fernández, tesoureira

Será a responsable da xestión económica do club. Despois de toda unha vida dedicada ao ámbito da administración, chega a esta responsabilidade coa experiencia que só dan os anos de traballo ben feito.

Marcos Fernández Fuertes, vogal responsable da escola

Representa a unha xeración moi importante para o Club: a dos regatistas que creceron e aprenderon nel, levando o seu nome por todo o mundo en competicións internacionais. O seu obxectivo é achegar esa experiencia para seguir mellorando a escola e ofrecer aos alumnos e alumnas as mesmas oportunidades que el tivo.

Xaquín Fernández Álvarez, vogal de comunicación, redes sociais, prensa e apoio ao comodoro en mantemento

Farmacéutico de profesión e socio desde que naceu, foi regatista da escola desde Optimist ata o 420. Con posterioridade formouse como adestrador e segue profundamente vinculado á actividade deportiva do club.

Pablo Reboreda Díaz, vogal de eventos e tenda náutica

Medrou entre pantaláns, regatas e actividades náuticas, polo que coñece perfectamente o ambiente e as necesidades dos socios. Será unha peza importante na organización de eventos e no desenvolvemento de novas iniciativas.

Pablo Oliver Iglesias, vogal responsable de pádel, ximnasio e apoio en actividades sociais

Enxeñeiro de Organización Industrial e profesional de Inditex, onde desenvolve a súa actividade na área de sustentabilidade de Zara Home. É armador do veleiro Acheron e conta ademais cunha importante traxectoria deportiva, sendo convocado durante cinco tempadas para o equipo galego de vela.

José Codesido na súa intervención

Durante o transcurso da tarde tamén se presentou o novo servizo de hostalería e restauración, que baixo o nome de Salitre está rexentado por Cristina, profesional con ampla experiencia en restauración e xestión de clubs sociais. Onda ela incorporarase un equipo familiar e próximo, cunha proposta gastronómica baseada no produto, a cociña sinxela ben elaborada e unha especial atención á grella e as brasas.

“Antes de mirar o futuro, quero expresar o noso agradecemento a quen nos preceda. O Real Club Náutico de Portosín non sería o que é sen o traballo dos presidentes, directivos, traballadores, patrocinadores, colaboradores e socios que durante décadas dedicaron tempo, ilusión e esforzo a construír este club”, comezaba dicindo na súa alocución o presidente.

“Nós recibimos hoxe un legado valioso. Un club con prestixio, con historia, con actividade deportiva e cunha forma de entender o mar que o converteu nunha referencia en Galicia”, explicaba Codesido.

“Queremos mellorar as nosas instalacións, ampliar oportunidades para os socios, fortalecer a nosa actividade deportiva, reforzar a nosa colaboración coas administracións e continuar contribuíndo ao desenvolvemento da náutica en toda a ría de Muros e Noia. Farémolo con ilusión, con traballo e con diálogo”, terminaba dicindo na súa intervención o novo presidente.

Ao acto asistiron a tenente de alcalde do Concello de Porto do Son, María José Maroñas; a deputada provincial de Infraestruturas Viarias e Obras Provinciais, Mónica Rodríguez; a directora territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, María del Mar Ferreiro; e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Marcos Vázquez.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.