A Escola Municipal de Música de Rois (ESMU) despediu oficialmente este sábado, 20 de xuño, o curso académico coa celebración do seu tradicional concerto de fin de curso, en palabras do Concello “unha cita anual que volveu poñer de manifesto o alto nivel técnico, a constancia e a calidade formativa do centro”.
O evento serviu como escaparate do traballo realizado nas aulas durante os últimos meses e como espazo de convivencia para a comunidade educativa, que recentemente tivo a oportunidade de compartir tamén unha viaxe de intercambio en Piloña. O acto contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Manuel Cobas, e da xestora cultural, Anayansi Singh.

O festival de clausura ofreceu un programa rico e de gran diversidade que evidenciou o amplo abano formativo que abrangue a ESMU de Rois, desde as idades máis temperás ata as modalidades adultas. A apertura correu a cargo da aula de Música e Movemento, onde os máis pequenos cativaron os presentes coa interpretación da peza pedagóxica Pío Pío Cuá. A continuación, o piano tomou o protagonismo cunha peza a catro mans executada pola alumna Alma Suárez Otero canda a profesora Tania Vidal Pintos, quen interpretaron con precisión Midnight Ride, de Nancy e Randall Faber.

Os instrumentos de fol e de arco centraron o seguinte bloque formativo. A Agrupación de Acordeóns Juan Varela Insua, integrada por Julián Sánchez e baixo a dirección do profesor Vadzim Yukhnevich, ofreceu unha sólida demostración de virtuosismo coas pezas Milonguita e Bok Espok. Pola súa banda, a Orquestra de Cordas ofreceu un complexo repertorio que incluíu Cowboy Song, a célebre Cabalgata das Walkirias e o clásico Stand by me.

A Agrupación Viaxeira, a formación de música moderna e combo da escola, demostrou unha enorme solidez e frescura ao interpretar un repertorio de grandes éxitos composto por Mamma Mía, It´s my life, Cando caia o sol, Hoxe, mañá e sempre e o emblemático himno Miña terra galega.

O broche final estivo protagonizado polo coro infantil da escola composto por Anaís Pesado, Xoana Vidal, Valeria Eiras, Marinha Mera, Erea Mera e Julia Castro que espertou os sorrisos e a complicidade de todo o público pola súa espontaneidade. A formación coral atreveuse co reto lingüístico de interpretar en alemán Freude Schöner Götterfunken (o Himno á Alegría de Beethoven), completando a súa brillante intervención coas pezas Daffy Down Dilly e The Kicking Kangaroo.
Ao final do acto, a profesora da escola, Elena Domínguez Criado, aproveitou a ocasión para intervir en representación do equipo docente e lembrar a toda a veciñanza que o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Rois xa se encontra aberto de cara ao vindeiro curso académico 2026/2027, animando ás familias e aos mozos do municipio “a sumarse a este proxecto educativo plenamente consolidado”, sinalou.



