
A Área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña presentou este 3 de xuño en Arzúa a resolución provisional do programa FO208/2026, destinado a financiar a supresión da simboloxía franquista nos espazos públicos, a realización de actividades de divulgación e a sinalización de espazos vinculados á recuperación da memoria democrática. No acto participaron a deputada de Dereitos Civís, Sol Agra Tuñas, e o alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril.
Ao abeiro destas axudas, a Deputación achegará 57.892,33 euros a nove concellos da provincia. Os municipios beneficiarios son A Pobra do Caramiñal, Arzúa, Camariñas, Mañón, Monfero, Pontedeume, San Sadurniño, Santa Comba e Valdoviño. As contías oscilan entre os 3.000 e os 10.000 euros, segundo os proxectos presentados e os criterios establecidos na convocatoria.
Entre as iniciativas apoiadas cómpre sinalar actuacións de investigación e divulgación sobre a represión franquista, proxectos comunitarios de recuperación da memoria democrática, actividades de homenaxe ás vítimas, eliminación de elementos de exaltación da ditadura e propostas de sinalización e posta en valor de espazos de memoria.
Durante a presentación, Sol Agra salientou que “estas axudas permiten aos concellos desenvolver políticas públicas de memoria democrática e avanzar no cumprimento das obrigas establecidas pola lexislación vixente”. A deputada destacou que “recuperar a memoria silenciada durante décadas é un acto de xustiza que aínda, 50 anos despois da morte do ditador Franco, seguimos agardando” e incidiu na importancia de apoiar iniciativas que contribúan a facer visíbeis as historias das persoas que sufriron a represión.


