As Rías Baixas vivirán este xoves 14, día da Ascensión festivo en Santiago e San Matías, unha xornada de ceos variables, con alternancia de nubes e claros e posibilidade dalgún chuvasco ocasional, especialmente cara á noite. O vento soprará moderado do norte-noroeste, con intervalos fortes durante a tarde, o que deixará unha sensación térmica máis fresca no litoral. As temperaturas descenderán de maneira moderada respecto aos últimos días(máximas 18 graos).
En Santiago de Compostela tamén predominarán os ceos parcialmente cubertos, con probabilidade de chuvascos illados ao longo da xornada e maior presenza de precipitacións durante a noite. As temperaturas serán máis baixas, tanto nas mínimas como nas máximas, mentres que o vento do norte-noroeste soprará con intensidade moderada(máximas 15 a 16 graos).

O noso mar; Vento do norte á mañá, do norte á tarde e do noroeste á noite, forza 3 a 4 á mañá, 4 a 6 á tarde e 3 a 5 á noite. Marusía á mañá e á noite e forte marusía á tarde. Visibilidade boa á mañá e á tarde e regular á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1 a 1.5 metros.



