Unha concentración esixirá o vindeiro sábado a suspensión inmediata da pesca do salmón no Ulla

07 Maio 2026

ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Lobo, A Ulla Viva e as plataformas Ulloa Viva, En Defensa da Ría de Arousa e Mina Touro-O Pino Non anunciaron este mércores 6 de maio, en rolda de prensa, a interposición de recurso e a convocatoria dun acto de protesta contra a autorización da Xunta do campionato de pesca do salmón con morte que se celebra o domingo, 10 de maio, en catro coutos do río Ulla.

A concentración desenvolverase o día anterior, sábado, 9 de maio, na Ponte Medieval de Pontevea (Teo e A Estrada), baixo o lema Salmón vivo, Ulla vivo!, e ten como obxectivo reclamar a suspensión inmediata dun evento que as entidades consideran “manifestamente incompatíbel” coa crítica situación desta especie, “que se atopa ao bordo da extinción en Galiza”, lembran as ditas entidades. Así pois, as convocantes chaman a mobilizarse en defensa do río Ulla e da ría de Arousa fronte ao que consideran unha agresión máis aos seus ecosistemas. 

Segundo din, a Xunta mantén “unha contradición evidente”. Así, salientan que se ben a través da Orde de 11 de decembro de 2025 que establece as normas para a pesca continental na actual tempada, aAadministración vedou o salmón en todos os ríos dado o catastrófico estado das súas poboacións, mantivo pola contra como única excepción á súa captura este “campionato” de pesca en catro coutos do río Ulla. “É unha decisión arbitraria e carente de base científica”, denunciou ante os medios o secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas. 

Pola súa banda, o presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Xaquín Rubido (Xocas), denunciou que a deficiente calidade das augas do río Ulla pon en perigo o salmón e tamén sectores en risco de desaparición coma o das mariscadoras e bateeiras. “A Xunta, en tanto que responsábel desta calidade, ten que asumir xa a realidade”, concluíu. Desde a Plataforma Mina Touro-O Pino Non, a portavoz Obdulia Lareo, puxo sobre a mesa os impactos da mina sobre as poboacións de salmón no Ulla, en cuxas escamas se teñen detectado altos niveis de cobre. “O Ulla non é un vertedoiro industrial. Estas minas só deixan miseria no río e na ría de Arousa. Non destruamos máis o pouco salmón que queda”, asegurou. 

As organizacións anunciaron tamén a interposición dun recurso de Alzada contra a resolución da Dirección Territorial de Pontevedra que permitiu esta excepción á veda, ao tempo que solicitaron a suspensión cautelar do evento ao abeiro do Decreto 88/2007, que regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

As entidades lembran que “en xaneiro pasado” promoveron a inclusión das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) no citado catálogo coa categoría de En perigo de extinción, unha proposta actualmente en tramitación e que, sinalan, “aínda non recibiu resposta da Xunta”. Lembran que de acordo coa normativa, “esta situación permitiría adoptar medidas cautelares de protección, como a paralización de calquera actividade que poida prexudicar a especie”.

O salmón atlántico é unha das especies máis emblemáticas dos ríos galegos, pero leva décadas en acusado declive. Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse en conxunto máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas. Precisamente, un recente estudo da Sociedade Ibérica de Ictioloxía apunta datos aínda máis preocupantes para o salmón: a súa presenza no Lérez reduciuse un 94,8%, e no Ulla un 77,9% nos dez últimos anos.

A concentración do vindeiro sábado 9 en Pontevea enmárcase na campaña #AlertaSalmónGalego, que mantén activa a súa recollida de sinaturas para esixir á Xunta que declare o salmón En perigo de extinción e desenvolva un plan de recuperación efectivo. As organizacións impulsoras desta campaña, ADEGA, AEMS-Ríos con Vida, Sociedade Galega de Historia Natural, Federación Ecoloxista Galega e Asociación Lobo, rexistraron recentemente ante a Xunta máis de 2.500 sinaturas de apoio, recollidas en pouco máis dun mes, o que consideran unha mostra do aval social á protección desta especie.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Noia sí, Lugo no” – Carlos Moledo

“Noia sí, Lugo no” – Carlos Moledo

Hay una vieja trampa del poder que consiste en creer que las herramientas de la política pertenecen a quienes las inventan. Que el garrote es legítimo en tus manos y criminal en las del adversario. Que la ley vale cuando te protege y es injusta cuando te golpea. La...

“El alma, un sentimiento” – Manuel Domínguez

“El alma, un sentimiento” – Manuel Domínguez

El ser más débil del universo, se considera el rey del Mambo. El hombre proa histórico se considera el dueño del universo, se considera inmortal a través del alma, se considera todo en el todo siendo nada, el mas devil. Los peces no necesitan al hombre para vivir,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.