Ribeira asistirá a un concerto solidario que porá o ramo ao proxecto educativo “Abrigo e Acubillo” no 23 de maio

12 Maio 2026

A entidade Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) organiza, coa colaboración do Concello de Ribeira, un concerto solidario como colofón ao proxecto educativo Abrigo e Acubillo, de sensibilización coa realidade dos campamentos de refuxiados/as saharauís, desenvolvido pola Comisión de Ensino de SOGAPS nos colexios de Artes e Olveira ao longo deste curso.

O grupo Boroa encherá de ritmo o novo Auditorio Municipal no sábado, 23 de maio, ás 20.00 horas. Sobre o escenario estará tamén o artista plástico David Cuence. Así, música, arte e solidariedade irán da man. Ademais, sortearanse dúas colchas solidarias elaboradas polo alumnado dos centros educativos antes referidos entre as persoas que dispoñan das rifas á venda durante este mes nos locais comerciais adheridos ao proxecto, así como as dúas láminas realizadas durante o concerto entre o público asistente.

“Quero agradecer a Solidariedade Galega co Pobo Saharauí a súa implicación para mellorar a calidade de vida dos refuxiados saharauís e promover medidas que axudan a sensibilizar á cidadanía sobre esta realidade. Temos que ser conscientes da situación que atravesan as persoas noutros lugares do mundo e, sempre que poidamos, aportar o noso gran de area para transformar o mundo a mellor. Desta vez, temos unha iniciativa que une cultura e solidariedade. E en Ribeira sabemos ben disto. Cada ano temos familias de acollida dentro do programa Vacacións en Paz. O Concello de Ribeira seguirá apoiando aquelas actuacións dirixidas a fomentar as manifestacións de solidariedade que se dean na nosa comunidade”, en palabras do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño.

Neste senso, o edil indicou que a Administración local ribeirense colaborará economicamente con este proxecto para pagar os billetes de traslado da rapazada dende o Sáhara a Galicia, para que sexan acollidos nos fogares ribeirenses durante o verán. De feito, neste ano está previsto que sete menores saharauís pasen o período estival en Ribeira.

Doutra banda, a delegada no Barbanza de SOGAPS, Covadonga Rodríguez, explicou que o proxecto Abrigo e Acubillo que chega ao seu fin con este concerto contemplou unhas charlas de sensibilización entre o alumnado e a confección das referidas colchas con retallos de tea.

Tamén interveu o músico local Suso Bello, por parte de Boroa, quen dixo que haberá gaita, percusión, guitarra e voz acompañada de David Cuence, quen elaborará dúas láminas con tinta china, interpretando a música con arte figurativa.

Estiveron presentes, ademais, as representantes de dúas familias de acollida de Ribeira: María Elena Lema e María José Gude.

O prezo da entrada establécese nos 3 euros por persoa; importe íntegro que irá destinado ao programa Vacacións en Paz 2026 que acolle a menores saharauís, refuxiados nos campamentos de Tindouf, durante os meses de xullo e agosto.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...