
O que foi e o que non é; o que puido ser e a realidade converteu nunha experiencia máis para todos; o que o presidente autonómico canario quixo transmitir coma un relato propio daquel personaxe que foi “Cantinflas”, quedará gravado para sempre na memoria de cantos, a bordo dun cruceiro de luxo neerlandés, souberon das incertezas dun virus que, grazas ao presidente canario, relacionaremos xa indeleblemente co que, supostamente, personificará o maior ridículo perpetrado por un político que, con permiso, gañaba máis calando os medos e os intereses partidistas que expoñendo as máis peregrinas ideas en torno ás capacidades natatorias dun ratiño rabilongo quen de transmitir un mal que só se presupoñía noutra especie de roedor.
Canarias xa sabe a quen ten e pode cantar unha isa a carón dun plataneiro ollando ao mar con nostalxia, sabedores os descendentes dos guanches de que Cabo Verde non era o lugar propicio para atender aos pasaxeiros e tripulantes do buque “MV Hondius” afectados ou ameazados de o ser polo hantavirus.
Quen mandaría ao dirixente canario falar do rato rabilongo arxentino transmisor dese virus supostamente capacitado para se guindar ao mar desde o impoluto cruceiro devorador de millas mariñas, programado para visitar lugares descoñecidos nos que cento e medio de pasaxeiros de 23 países -entre eles 14 españois- poder fotografar ou filmar escenas inéditas nas súas vidas para gardar in memoriam, amén?.
A nada doada volta a casa dos cruceiristas marcada por hantavirus e PCR, illamentos e hospitais, desputas políticas na percura dun “quítate ti, que me poño eu”, médicos especialistas e toda caste de virólogos e estudosos, vai estar para sempre subliñada por esa figura de ratiño nadador que ninguén, nunca, viu cubrir a distancia de 250 metros de mar para chegar a terra e transmitir aos tinerfeños ese virus do inferno que o presidente das Illas Canarias fixo nadar na abundancia da súa fantasía trasnoitada.
Que grande oportunidade perdida por non estar calado!.
Aprenderemos algún día?.



