Padrón será a sede do VI Encontro Nacional de Pueblos Mágicos

19 Maio 2026

O Concello de Padrón acollerá do 23 ao 25 de outubro o VI Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España, unha cita que converterá a vila no centro estatal do debate arredor do desenvolvemento territorial e do turismo sostíbel. A candidatura padronesa foi escollida entre todas as propostas presentadas por diferentes localidades de toda España para organizar un encontro que este ano coincide ademais co décimo aniversario da rede Pueblos Mágicos de España, integrada actualmente por 169 municipios.

Reunión no Concello. Pola esquerda: Chus Campos, Anxo Arca, Alberto Rey, Francisco Martín (presidente Ecosistema Mágico de España), Noelia Guzmán (directora Pueblos Mágicos de España) e Xosé Regueira (vicepresidente da Deputación da Coruña).

O Concello explicou que “a celebración deste encontro en Padrón permitirá reforzar a visibilidade do municipio a nivel nacional e amosar o seu potencial turístico diante de representantes chegados de toda España”.

Durante as xornadas desenvolveranse actividades e visitas que ofrecerán unha mostra dos recursos naturais, literarios, gastronómicos, culturais e deportivos cos que conta o municipio.

A pasada semana visitaron Padrón Noelia Guzmán, directora de Pueblos Mágicos de España, e Francisco Martín, presidente do Ecosistema Mágico de España, para avanzar na organización do encontro. Durante a súa estadía mantiveron unha reunión no Concello co alcalde, Anxo Arca; co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; coa concelleira de Turismo, Chus Campos; e co técnico municipal de Turismo, Alberto Rey. A delegación visitou tamén diferentes espazos do municipio, entre eles o auditorio do Campus Tecnolóxico Cortizo, un dos escenarios previstos para o desenvolvemento do programa, o Hotel Scala e o Pazo de Arretén.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou que a elección da vila como sede “supón un recoñecemento ao traballo que se está realizando para consolidar Padrón como un destino turístico de referencia, vinculado á cultura, ao patrimonio, á gastronomía e á calidade”. O rexedor subliñou ademais que o encontro “permitirá amosar a centos de persoas chegadas de toda España todo o potencial que ten o noso municipio e o importante papel que desempeña dentro do turismo galego”.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Chus Campos, sinalou que a celebración deste encontro “representa unha oportunidade para seguir posicionando Padrón dentro das redes turísticas estatais e para fortalecer a colaboración con outros territorios que apostan por un modelo de turismo sostíbel e ligado á identidade local”. Campos destacou tamén que o programa do encontro “amosará a diversidade de recursos cos que conta Padrón, desde o patrimonio histórico e literario ata a natureza, a gastronomía e a actividade cultural”.

O encontro reunirá a máis de 350 asistentes entre representantes institucionais, empresas, especialistas e axentes vinculados ao desenvolvemento turístico e territorial. A programación estará orientada á creación de alianzas, ao intercambio de experiencias e á presentación de proxectos vinculados á dinamización económica e social do territorio.

A celebración deste encontro coincide ademais coa recente incorporación de Padrón á rede Pueblos Mágicos de España, converténdose na primeira localidade da provincia da Coruña en integrarse nesta iniciativa estatal. O municipio conta ademais co recoñecemento do Santiaguiño do Monte como Lugar Máxico de España, unha distinción que pon en valor este espazo emblemático. A adhesión á rede supón a participación de Padrón nunha estrutura de promoción turística que impulsa accións conxuntas, rutas temáticas e proxectos de visibilidade en feiras e plataformas especializadas.

O Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España contará coa colaboración da Deputación da Coruña, do Concello de Padrón, de Cortizo e doutras empresas vinculadas ao territorio. Nesta sexta edición, afondará no concepto dunha “España de oportunidades reais”, promovendo un modelo de desenvolvemento baseado na colaboración entre administracións, empresas e territorio para impulsar iniciativas respectuosas co medio e con impacto a longo prazo.

No Campus Tecnolóxico de Cortizo. Pola esquerda: Francisco Martín, NoeliaGuzmán, Chus Campos, Anxo Arca, Alberto Rey, Xosé Regueira e Javier Figueroa (director de Marketing de Cortizo)

Outros artigos

En Rianxo abren as inscricións do Campamento de Teatro Verán 2026

O Concello de Rianxo informou de que están abertas as inscricións para o Campamento de Teatro Verán 2026, que inclúe unha manchea de actividades formativas e de lecer para permitir ás mozas e mozos "desfrutar dun verán diferente" ao tempo que desenvolven e sacan á luz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

Tiven a honra de presentar o acto que en Cospeito se celebrou arredor de  “Caldaloba”, drama histórico en verso do poeta e profesor Xosé Otero Canto.        Foi, á vez, un placer inmenso estar en Cospeito, rodeado de amigos que saben,  eu que só poido intuir e sentir...

“Caldaloba”, de Xosé Otero Canto”. Xulio Xiz

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...