A Área de Cultura de Outes vai celebrar as Letras Galegas con dúas grandes actividades. Por unha banda coa exposición Isaac Díaz Pardo: luz e compromiso, que se pode ver na Casa da Cultura ata o 30 de xuño, e pola outra coa gran festa do XXX Certame de Poesía Francisco Añón, que chegará ao seu intre álxido o 17 de maio ás 17.00 horas na Casa da Cultura.

Darase a coñecer a resolución do xurado da actual convocatoria e tamén presentaranse o libro gañador da anterior edición na categoría F (maiores de 18 anos), Non plantaremos o millo en abril, de Víctor Pérez Estévez. Está programada a actuación musical de A Rapazada, agrupación da Escola de Música e Baile Tradicional de Outes.

Ademais, o pasado venres tivo lugar a reunión presencial na Casa da Cultura de Outes do xurado do Francisco Añón de poesía, composto por: Ana Varela, Masha Álvarez, Sol Mariño e Samuel Merino, actuando como secretario o Xestor Cultural do Concello de Outes Santiago Nieto.



