A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) fallou a segunda edición dos Premios “Próximos”, nos que se recoñecen obras e proxectos realizados na demarcación colexial, onde se engloban 32 concellos do sur da provincia da Coruña, é dicir, municipios das áreas de Compostela e Barbanza. Un total de 40 propostas presentáronse a esta convocatoria dos premios, das cales o xurado elixiu finalmente 11 obras gañadoras.
Os membros do xurado destacaron o alto nivel das propostas presentadas, que atesouran grandes doses de arquitectura de calidade. “A variedade dos programas presentados, dos tipos de intervención requiridos e das localizacións e os seus contextos, máis aló de dificultar a elección, volveron a demostrar a solvencia e a versatilidade da arquitectura para satisfacer as puxantes necesidades dunha sociedade enfrontada ao futuro desde a súa historia e a súa tradición”, explica o xurado.
II Premiados “Próximos”
Rehabilitación de inmóbel con destino hoteleiro en Santiago
Rúa Campo Cruceiro Gaio nº 7, Santiago de Compostela
Elizabeth Abalo Díaz | Gonzalo Alonso Núñez
Nesta obra destaca a sensibilidade coa que a intervención adapta un inmóbel histórico a un novo uso hoteleiro, integrando as novas necesidades funcionais dende unha arquitectura serena e precisa. A actuación constrúe unha atmosfera cálida onde o contemporáneo convive con naturalidade coas preexistencias, recuperando ademais a relación cos espazos axardinados do bordo da Alameda como lugares de estancia e contemplación da paisaxe urbana.

Casa 2M e Medio en Santiago
Rúa Algalia de Arriba nº 32, Santiago de Compostela
Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | Dosesmas Arquitectos, S.C.P.
O xurado valora a intelixencia coa que o proxecto resolve un espazo de dimensións extremadamente reducidas, construíndo unha vivenda flexíbel, aberta e chea de continuidade espacial. A intervención demostra ademais unha destacada vixencia, tanto pola claridade das súas decisións arquitectónicas como polo seu xeito de reinterpretar o patrimonio doméstico do centro histórico dende unha mirada contemporánea, precisa e contida.

Restauración das cubertas do templo: nave principal e cruceiro (Catedral de Santiago)
Praza do Obradoiro nº 3, Santiago de Compostela
Juan Orozco Corredoira | Iago Seara Morales
A obra aborda a mestría da restauración arquitectónica en toda a súa amplitude: un minucioso estudo e análise previa, a precisión das solucións técnicas requiridas nos labores conservativos do ben, e finalmente a consideración natural do carácter monumental da actuación, que devén na transformación dunha digna cobertura nun novo espazo para a cidade de Santiago.

Restauración do pavillón historicista e o muro perimetral de San Martiño Pinario en Santiago
Praza da Inmaculada nº 5, Santiago de Compostela
Iago Seara Morales | Juan Orozco Corredoira
O xurado valora a capacidade de recuperar e manter o espírito e os valores construtivos e espaciais orixinais desde o proxecto de restauración, dando continuidade ao uso orixinal do espazo coa incorporación dunha contemporaneidade discreta e atenta a este singular pavillón expositivo do século XIX.

Centro de hidroterapia en Outes
Lugar Albeida 15063A0-9900082, Outes
Alfonso Salgado Suárez | Francisco Xabier Liñares Túñez | Salgado e Liñares, S.L.P.
A obra situada nun conxunto preexistente, completa o complexo dende unha intervención precisa e integrada. Destaca a delicadeza no uso da madeira e a pedra, así como a recuperación da relación coa auga e a paisaxe a través dunha atmosfera serena e profundamente vencellada ao lugar.

Edificio para 34 vivendas, prazas de garaxe e rochos en Santiago
Travesía Poza M14.2 0, Santiago de Compostela
Manuel Carbajo Capeáns | Celso Barrios Ceide | Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados, S.L.P.
A vivenda colectiva ha de ser un dos grandes e permanentes retos da arquitectura. O proxecto reúne unha interesante secuencia tipolóxica exposta como límite e bordo dunha complexa contorna física, logrando a aparente sinxeleza dunha coherencia visual unitaria.

Apeadeiro de Ribeira
Avenida do Malecón, Ribeira
Santiago Rey Conde | Ismael Ameneiros Rodríguez
O xurado valora a competencia da arquitectura para enfrontarse a un programa sinxelo coa ambición de que a súa singular poética mellore tamén a contorna inmediata. Merecen ser destacados o interese por atenuar a ruidosa paisaxe industrial posterior e a elección do formigón armado para asegurar a durabilidade.

Oficinas dos Servizos Centrais FINSA en Santiago
Estrada N-550 km 57, Formarís s/n, Santiago de Compostela,
Juan Antonio Varela García | María del Carmen Escorihuela Vitales | Miguel Alonso Flamarique | Roberto Erviti Machín | MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, S.L.P.
A obra materializa a posibilidade de recuperar e transformar un complexo industrial desde o ámbito disciplinar da arquitectura, recorrendo á estrutura e á construción como claves formativas e determinantes do proxecto. O uso e a experimentación da madeira esténdese á creación dun ambiente espacial confortábel e comprometido co medio e o usuario.

Rehabilitación do Pazo do Martelo de Rianxo
Rianxo, A Coruña
Sandra González Álvarez
A intervención destaca pola complexidade técnica de reverter actuacións incompatíbeis realizadas sobre un edificio BIC, recuperando a lóxica construtiva orixinal dende criterios de sustentabilidade e circularidade. Valórase especialmente a sobriedade material do proxecto e o protagonismo da madeira na construción dunha atmosfera interior cálida e contemporánea, resolvendo con sensibilidade a adaptación do pazo a un novo uso público e cultural.

Escola infantil de Cacheiras (Teo)
CP-8202, 11, 15883, A Igrexa, Teo
Óscar Andrés Quintela | Iván Andrés Quintela | Arrokabe, S.L.P.
Destaca na obra presentada a capacidade da arquitectura para responder con mesura e eficacia a un encargo discreto. Como “o pequeno é fermoso”, o xurado destaca a adaptación do edificio ás actuais esixencias medioambientais e a reordenación da contorna patrimonial favorecendo a súa peonalización.

Polo Gaiás AMTEGA
Cidade da Cultura, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela
Alberte Pérez Rodríguez | Enrique Iglesias Lima | Carlos Mosquera del Palacio | Tres Pensando, Escoitando e Solucionando, S.L.P.
Proxectar na Cidade da Cultura esixe medir a distancia a interpoñer entre os edificios construídos e o proposto. O dinamismo requirido, propio destes centros que pretenden fomentar a actividade empresarial, está resolto con asépticos espazos que, sendo desmontábeis, permiten con facilidade acoutar o traballo para compartir ou reservar.

Patrocinio dos premios
O sábado, 6 de xuño, celebrarase o acto de entrega de premios no Teatro Principal de Santiago para recoñecer os arquitectos, promotores e outros axentes das obras distinguidas. Os II Premios Próximos 2026 teñen como patrocinadores a cinco empresas que conforman o mellor do sector da construción en Galicia: ALUMAN, FINSA, Paudepedra, Grupo Rodiñas e Tejas Verea.
A Delegación de Santiago do COAG comparte a súa satisfacción e seu agradecemento con estas firmas que colaboran como patrocinadoras dos premios, así como do ciclo anual de conferencias Próximos, e tamén do Programa de Mentoring da entidade colexial.



