O PSdeG-PSOE de Ribeira vén de presentar por rexistro unha petición ao Goberno local para, segundo fai saber a agrupación, “reclamar que o Concello actúe ante os reiterados atrasos nas obras da Escola de Deportes Náuticos de Aguiño, unha infraestrutura que debía estar rematada arredor de maio de 2025 e que segue sen entregarse”. O portavoz socialista, Francisco Suárez-Puerta, sinalou que “esta obra non é un expediente máis: detrás dela está o Clube de Remo Náutico Ribeira, os seus deportistas, as familias e a veciñanza de Aguiño, que levan demasiado tempo agardando por unhas instalacións necesarias”. Os socialistas tamén son críticos coa alcaldesa, María Sampedro, xa que sinalan que “fai publicidade e promesas de futuras obras, mentres Ribeira segue agardando por obras que xa deberían estar rematadas e que acumulan atrasos de máis dun ano”.

Dende o PSdeG din que “a obra xa contou con varias ampliacións de prazo, primeiro ata decembro de 2025 e despois ata marzo de 2026” e engaden que “os informes técnicos municipais advertiron que os motivos alegados pola contratista non parecían alleos á súa responsabilidade, polo que entendemos que o Goberno de Ribeira debe actuar e velar polos intereses da veciñanza”.
Suárez-Puerta indicou que “cada mes de atraso prexudica directamente a un club que representa a Ribeira, que ten unha actividade deportiva constante e que precisa estas instalacións para desenvolver o seu traballo en condicións axeitadas”. Por iso, o PSdeG reclama que o Goberno local “inicie de inmediato as actuacións necesarias para conseguir que se entreguen as instalacións na maior brevidade posible, que se examine formalmente o incumprimento dos prazos e que se valore, se procede, a imposición das penalidades ou sancións contractuais correspondentes”.
“O Concello non pode limitarse a esperar. Ten que defender o interese público, garantir que a obra se remate canto antes e dar unha resposta clara ao Club de Remo Náutico Ribeira e á veciñanza de Aguiño”, concluíu o portavoz socialista.




