O folclore galego toma a parroquia de Artes co inicio do Bruón Folk Fest

09 Maio 2026
María Sampedro na inauguración do festival

Bruón Folk Fest levantou o pano este venres co obxectivo de facer vibrar a parroquia ribeirense de Artes co folclore galego durante as xornadas do 8 e 9 de maio. A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou na apertura deste festival que se enmarca dentro da programación do Maio Cultural 2026 do Concello de Ribeira.

Trátase dun evento que toma o nome dunha lenda segundo a cal, ao pobo asolagado baixo a lagoa de Carregal, sobreviviu un boi que é, en realidade, un mouro encantado, ao que aínda se pode escoitar bruar pola contorna.

“Non sei se estes días teremos a oportunidade de escoitalo, o que si sei é que poderemos desfrutar da nosa música e baile tradicional con numerosos concertos”, manifestou a rexedora.

Nesta terceira edición tamén haberá oco para mesa redonda, parladoiro, obradoiro, demostracións de artesanía e moito máis.

A programación da terceira edición deste festival que fará tamén “bruar” aos asistentes concentrarase en dúas xornadas. Arrancou este venres, 8 de maio, ás 20.00 horas, para dar paso a unha mesa redonda con Nel Vidal, Mateo Vázquez e Alicia Padín, ás 20.30 horas, sobre o eco das crónicas e do bronce, letras e sons que transmiten e comunican coa súa propia linguaxe.

A noite estivo amenizada por Os Liantes e amigos, e como colofón deste primeiro día, o rito da queimada fundiuse coa enerxía do grupo ourensán Five Pipers.

O groso das actividades será este sábado, 9 de maio, ao longo de todo o día. Para o público infantil e familiar proxéctase oBruonciño, ás 11.00 horas, cun espazo dedicado en exclusiva aos máis pequenos; parladoiro con Mondra, ás 12.30 horas; os espectáculos de Ce Pantasma, ás 13.30 e 18.30 horas; a actuación de Pakolas, ás 16.00 horas; e un taller pedagóxico con Paula Pérez, ás 17.00 horas, onde se unen creatividade e inclusión para aprender a través do xogo.

Tampouco faltarán as demostracións de forxa e cerámica, ás 12.00 horas, así como a sesión vermú con Requinta de Lampai, ás 14.30 horas, un momento social con gastronomía e música para gozar do mediodía.

E, xa pola tarde, terá lugar o Ti si que Bruas, ás 17.10 horas, para o cal o escenario abre as súas portas ao talento espontáneo da xente; e o obradoiro de baile con Luis Prego, ás 19.30 horas, dirixido a tódolos niveis e onde xa se irán preparando os pés para o baile que virá cos concertos da noite.

Faltriqueira, Ardentía e Ramalleira farán vibrar o festival coa súa música ás 21.00, 22.30 e 00.00 horas, respectivamente, para despedir a terceira edición coas voces soando ao unísono interpretando o Himno Bruón, ás 01.30 horas.

Outros artigos

En Rianxo abren as inscricións do Campamento de Teatro Verán 2026

O Concello de Rianxo informou de que están abertas as inscricións para o Campamento de Teatro Verán 2026, que inclúe unha manchea de actividades formativas e de lecer para permitir ás mozas e mozos "desfrutar dun verán diferente" ao tempo que desenvolven e sacan á luz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ofrenda” – Xulio Xiz

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...