
O Concello de Porto do Son anuncia a convocatoria do concurso de carteis co obxectivo de escoller a imaxe oficial da nova edición da Feira Celta 2026, unha das citas máis agardadas do verán no municipio, que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xullo.
A iniciativa busca premiar a creatividade e o talento, outorgando un único premio de 500 euros ao deseño elixido.
O Concello explica que “esta obra converterase na faciana visíbel do evento e empregarase en toda a promoción institucional e publicitaria, tanto en soportes físicos como nas distintas plataformas dixitais”.
Requisitos e temática das obras
A participación está aberta a calquera persoa, sen límite de idade (exceptuando aos membros da organización e aos seus familiares) e cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras, que deberán ser orixinais, inéditas e estar inspiradas na cultura e temática celta.
No que respecta ás especificacións técnicas, os deseños deberán ter un formato A3 vertical e incluír de xeito obrigatorio e perfectamente lexible o seguinte texto: “FEIRA CELTA PORTO DO SON 24, 25 e 26 de xullo 2026”.
Prazo e envío das propostas
As obras presentaranse exclusivamente en formato dixital (PDF ou JPG en alta resolución, cun mínimo de 300 ppp) e deberán enviarse por correo electrónico ao enderezo portodosoncultura@gmail.com, achegando no mesmo correo os datos da persoa participante (nome e apelidos, DNI, enderezo postal, teléfono de contacto e correo electrónico).
O prazo de presentación xa se atopa aberto e finalizará o vindeiro 26 de xuño de 2026.
Valoración do xurado
Un xurado especializado será o encargado de avaliar todas as propostas recibidas en tempo e forma e para escoller o cartel gañador, os membros do xurado terán en conta criterios como a orixinalidade, a calidade técnica e artística, o impacto visual e a adecuación á propia identidade histórica e cultural que caracteriza á Feira Celta de Porto do Son.



