A asemblea do BNG de Compostela acordou por unanimidade designar a Goretti Sanmartín Rei como candidata á alcaldía de Santiago de Compostela nas eleccións municipais de 2027. A decisión, adoptada o pasado luns 18 de maio, fíxose pública nun acto no que participou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón.

Durante a presentación, Pontón destacou a confianza da organización no liderado da actual alcaldesa e asegurou que “hai tres anos dixen que Goretti Sanmartín ía facer historia converténdose na primeira alcaldesa de Santiago, e hoxe teño igual de claro que vai recibir o apoio maioritario para continuar construíndo un Santiago en grande con máis forza que nunca”.
A líder nacionalista contrapuxo a xestión do goberno municipal á “oposición corrosiva e destrutiva” que, ao seu xuízo, “está poñendo paos nas rodas e limitando o avance da cidade por puro interese partidista”. Neste contexto, defendeu a necesidade dun maior apoio cidadán para consolidar o proxecto liderado polo BNG e continuar avanzando “cunha alcaldesa coas ideas claras e que vai na boa dirección”.
Pontón tamén puxo en valor o perfil de Goretti Sanmartín como “unha alcaldesa pegada á rúa”, que exerce a política “desde a empatía, o diálogo e coa man tendida”.
Pola súa banda, Goretti Sanmartín afirmou afrontar esta nova candidatura “co aval destes tres anos de traballo” á fronte do Concello compostelán, destacando a posta en marcha de iniciativas “transformadoras e de longo alcance”. A rexedora sinalou tamén que Santiago debe “consolidar o que xa logrou avanzar e afrontar novos retos” nos próximos anos.
Entre os principais desafíos de futuro, mencionou o fortalecemento da diversidade económica, a mellora das infraestruturas e conexións, o apoio á produción e ao comercio local e a aposta pola sustentabilidade, especialmente no ámbito da xestión da auga, dos residuos e do territorio.
Sanmartín defendeu que o actual goberno municipal conseguiu situar Compostela “no bo camiño” grazas a seis principios que, segundo explicou, marcan a súa acción política: valentía, rigor, honestidade, xenerosidade, orgullo picheleiro e ambición.
Neste sentido, reivindicou medidas como a implantación do Imposto de Estadías Turísticas, o novo modelo de comedores escolares ou os avances cara a un novo contrato de transporte urbano con máis cobertura territorial. Tamén destacou iniciativas relacionadas coa vivenda, como a declaración de Zona de Mercado Residencial Tensionado, a regulación dos apartamentos turísticos, o impulso do parque público de alugueiro e medidas para protexer o comercio de proximidade.
A alcaldesa tamén fixo referencia aos proxectos de transformación urbana previstos para os próximos anos, entre eles o redeseño do Ensanche, o Conector Central ou as actuacións incluídas no Plan Horizonte Compostela para a zona norte da cidade.
“Estamos falando de iniciativas concretas, constatábeis, avances obxectivos que ratifican que nestes tres anos co BNG na Alcaldía situamos Compostela no bo camiño”, concluíu Goretti Sanmartín Rei.




