O BNG de Boiro di que o Goberno local “incumpre” o acordo plenario para o arranxo do Campo de Bealo

21 Maio 2026

O BNG de Boiro emitiu un comunicado no que sostén que o Goberno local “incumpriu o acordo plenario para o arranxo do Campo de Bealo un ano despois da súa aprobación. O proxecto, lembran, foi aprobado no seu día por unanimidade. Incluía o arranxo da dita instalación deportivo e tramitar a correspondente solicitude de financiamento diante da Deputación da Coruña.

A voceira nacionalista en Boiro, Raquel Suárez, sinalou que “o arranxo deste campo é unha necesidade real para os clubs e para a veciñanza de Bealo”, lembrando que nas instalacións desenvolven a súa actividade tanto o Club Deportivo Galicia Bealo como o Galicia Bealo Lorchos de fútbol gaélico.

A portavoz do BNG explicou ademais que “ante a falta de movementos por parte do Executivo local”, o Bloque volveu rexistrar no mes de setembro unha solicitude no Concello para instar ao Goberno municipal a cumprir o acordo aprobado en pleno.

Pola súa parte, Mino Álvarez, responsábel do Galicia Bealo Lorchos de fútbol gaélico, explicou as dificultades que afronta a entidade pola situación actual do
campo. “Temos equipos masculino e feminino e queremos xogar neste campo, pero non é posíbel porque o regulamento do fútbol gaélico esixe ter céspede”,
sinalou, ao tempo que lamentou que “o club se vexa obrigado a desprazarse a outras localidades para disputar competicións e mesmo para organizar eventos deportivos”. E engadiu: “Levamos tres anos organizando a Copa Galega de Fútbol Gaélico, que move entre 300 e 400 persoas, e tivemos que levala para Ribeira porque en Boiro non podemos albergar un torneo destas características. A falta de interese do Concello fainos emigrar”, afirmou.

Tamén interveu David Rodríguez, presidente do Galicia Bealo, quen dixo que “a entidade é o segundo club de Boiro con máis equipos federados da Federación Galega de Fútbol”. Rodríguez explicou que a demanda do céspede artificial “leva moitos anos sobre a mesa” e que o club pensaba que o acordo plenario do pasado ano “ía ser o paso definitivo”.

Lembrou que o club xa conseguiu o acordo da comunidade de montes para facer a cesión ao Concello e que o proxecto conta co apoio da Federación
Galega de Fútbol, que ve o enorme potencial destas instalacións.

Desde o ámbito provincial, a deputada do BNG Sol Agra explicou que a solicitude de subvención nominativa para financiar o arranxo do campo “segue sen
tramitarse na Deputación”. Segundo indicou, o pleno do Concello aprobou hai xa un ano solicitar esta subvención, pero, dixo, “a documentación e a tramitación necesarias aínda non foron realizadas polo Goberno municipal”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...