
O Centro Cultural Lustres Rivas acolleu este martes 12 de maio a charla Desmantelamento da sanidade pública, organizada pola Asociación Illa de Rúa e impartida polo médico e ex-concelleiro de Sanidade Juan Furones.
A actividade contou cunha ampla resposta por parte da veciñanza, ata o punto de encher a sala, nun encontro no que se abordou a situación actual da sanidade pública, os retos que afronta e a preocupación existente arredor da súa progresiva deterioración. Desde a Asociación Illa de Rúa valoraron “moi positivamente” a participación das persoas asistentes e destacaron a “importancia de crear espazos abertos nos que a cidadanía poida informarse, compartir preocupacións e reflexionar colectivamente sobre cuestións que afectan directamente á vida diaria da veciñanza”.
A entidade quixo agradecer expresamente a implicación dos asistentes, así como a intervención de Juan Furones, e subliñou que a boa acollida desta charla reforza o seu compromiso de seguir organizando novas actividades culturais, sociais e divulgativas en Ribeira.
“Para nós é unha satisfacción comprobar que existe interese por participar neste tipo de encontros. A resposta da veciñanza anímanos a continuar traballando e a promover máis iniciativas que sirvan para fomentar o debate, a participación e a vida asociativa”, sinalaron desde a organización.
A Asociación Illa de Rúa avanzou que continuará deseñando novas propostas abertas ao público, coa vontade de contribuír á dinamización social e cultural de Ribeira e de ofrecer espazos de encontro arredor de temas de interese común.



